Un chofer do parque automobilístico da Xunta, Lois Fraga Souto, solicitou da Xefatura Provincial de Tráfico a utilización da lingua galega no relacionamento cos seus usuarios, e reprobou o «uso indebido do castelán» na atención que lle foi dispensada, por oral e por escrito. Só nunha ocasión lle foi dirixido un documento en galego, onde colocaban ao seu dispor «as actuacións presentes no expediente»; porén, cando acudiu , de novo o atenderon «indebidamente en castelán», afirma.
Lois Fraga xa ten reivindicado outras veces o seu dereito ao uso normal do galego coas administracións.
Nesta ocasión, o problema con Tráfico estivo motivado por unha sanción. O texto da mesma e o escrito de notificación estaban escritos en castelán. Entende que se deu «unha consciente violación por parte desa administración instrutora do dereito fundamental deste condutor a usar normalmente ou sen discriminación a lingua española oficial propia do territorio nas súas comunicacións lingüísticas con ela, determinante da nulidade de pleno dereito do actuado». No escrito de alegacións, reclamou o amparo na Constitución Española por este asunto.
A cuestión lingüística
Tráfico non atendeu a esta reclamación, e só o autorizou a examinar as actuacións do expediente relacionadas directamente coa sanción, e non outras probas, por valorar que eran «innecesarias e irrelevantes», segundo lle indicaron no único escrito en galego que lle chegou da Xefatura Provincial de Tráfico, asinado pola funcionaria instrutora do caso.
Lois Fraga afirma que non quere entrar na procedencia da sanción, senón só na cuestión lingüística, por entender que foi violado un dos seus dereitos, que xustifica pola situación de cooficialidade da lingua galega.
Lois Fraga indica que en Cataluña non acontecen situacións como esta, e os trámites «son realizados inicialmente en catalán».
Considera que «do punto de vista xurídico non hai diferenzas entre os dereitos lingüísticos do cataláns e dos galegos, e o propio Tribunal Constitucional ten xurisprudencia que establece que as obrigas lingüística que recaen sobre os poderes públicos son as mesmas.
Nesta ocasión «xogan con que por 70 euros ninguén vai a un contencioso-administrativo», esclarece; pois esa era a cantidade que tiña que pagar pola sanción que lle foi imposta, e non valía a pena o incomodo de persistir na súa demanda.