«O comercio de Padrón ten que vivir das xentes dos arredores»

SANTIAGO

Con preto de corenta anos de actividade, Almacenes Eladio está en mans do fillo do fundador quen, por suposto, está feliz e «cheo de orgullo»

23 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Almacenes Eladio é un referente do comercio de Padrón. Abriu as súas portas en 1971 na avenida de Castelao coma unha pequena tenda dedicada a droguería e hoxe, tras anos de «moita loita e esforzo», as súas dependencias reservadas a venda ocupan 1.200 metros cadrados repartidos en dous pisos. Para o fundador do negocio, Eladio Cristobo Vicente, é todo un «orgullo» que a actividade que ocupou toda a súa vida profesional teña continuidade nos seus dous fillos.

O maior, Ánxelo Cristobo Angueira, está ao fronte do establecemento de Padrón mentres que súa irmá Ana está no de Santiago, aberto en San Lázaro no ano 1997.

A Eladio énchelle de orgullo ver aos seus fillos no negocio e máis aínda sabendo que «lles vai ben» unha vez que, polo momento, Almacenes Eladio non notou a caída de vendas. Pero hai algo máis que lle satisfai a Eladio e son os premios que recibiu o seu comercio ao longo dos anos, o último en maio pasado en Malta pola imaxe da empresa. Non lle falta, tampouco, a distinción ao prestixio e a calidade e o de excelencia empresarial, entre outros.

A traxectoria deste negocio arranca no ano 1966 en Asados, no municipio de Rianxo, onde Eladio tiña a súa primeira tenda. Escolleu Padrón «para abrir mercado» e a pequena droguería foi medrando ata converterse nos actuais almacéns. Durante moitos anos, Eladio tamén se dedicou a ir de comercial polas tendas, tanto mixtas como do sector, e por lugares moi dispares, de modo que chegaba ata Muros e Cee pero tamén ata a zona de A Estrada e máis. Neses tempos, Eladio coñeceu a moitas persoas e quédalle o grato recordo de que «sempre me trataron moi ben».

Volvendo a vista atrás, hoxe dáse conta de que o éxito do seu negocio estivo no traballo e no esforzo, pero tamén, como di o seu fillo Ánxelo, no saber «adaptarse e dar ao cliente o que demanda en cada momento», de modo que a gama de produtos que vende é amplísima en varios sectores, dende droguería, perfumería, papelería, decoración, horticultura e fitosanitarios. Isto permitiulle, ademais, ter clientes de todo tipo, dende o profesional ata a ama de casa, e tamén de distintas procedencias. A vila representa so o 30% das súas ventas porque, como di Eladio, «Padrón ten que vivir das xentes dos arredores xa que aínda que os padroneses compren na vila todo o que consuman, non da para vivir». Non obstante, segundo engade, isto non é o que sucede xa que, explica, «na maioría dos casos van comprar a lonxe».

Dende 1988, Eladio contou coa axuda do seu fillo Ánxelo que, por entón, acabou a súa etapa na Universidade. Non obstante, o contacto do fillo co negocio viña «de pequeniño». Ánxelo ten fillos, con idades moi curtas polo que é prematuro falar do relevo.