«O noso cabaré e unha arma para levantar dobres morais»

Manuel Beceiro

SANTIAGO

A intérprete galega e Davide Salvado regresan cunha montaxe popular e urbana en «O negro vai con todo»

11 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde moi pequena a lucense Pepa Yáñez estivo vinculada á musica tradicional e de raíz, ata que atopou a súa media laranxa artística, Davide Salvado, vinculado tamén de sempre á musica popular. Os dous artistas galegos levaban desde 2005 xirando co espectáculo Unha noite no muiño non é nada , unha incursión non cabaré desde a óptica da cultura popular galega. Á parella artística súmaselle agora a pianista Madame Cell (Nacho Muñoz) para acometer un ménage à trois cabareteiro no seu novo espectáculo O negro vai con todo , que se estrea mañá na Sala Nasa, onde estará todos os mércores deste mes.

-Vostedes levan o cabaré por todo todo tipo de espazos. ¿Os locais da noite son o espazo natural do cabaré?

-Non sei cal é o mellor sitio. Ás veces, nos locais da noite pequenos a consumición é o que prima sobre o espectáculo. Para o cabaré é necesario estar cómodo. Naceu para descansar dun duro día de problemas. Para iso está este cabaré, aínda que sexa mércores.

-¿E aínda que estemos en crise, sen crédito e hipotecados?

-A tan manida crise, en Santiago é un fervedoiro de cousas. O mellor plan de todos que teño visto para a crise por aí e pasarse polo cabaré.

-Pepa e Davide defínense como artistas alternativos, ou sexa de alterne. ¿A mellor definición do seu cabaré tamén é esa?

-Hai que ganar o pan como se pode. Pero a nosa vocación é totalmente alternativa. Naceu así e ten todas as pintas de que vai a seguir así. O noso cabaré quere evocar a ironía, ese punto satírico e o encordio que leva o ser alternativo e non estar dentro da cultura subvencionada.

-Aínda que sexa só ánimos e palmadiñas, algo recibirán das instancias oficiais.

-Algo si, pero non hai un espazo en concreto para nós, salas hai moi poucas, os teatros non nos gustan moito porque teñen demasiada serenidade e nos bares estás demasiado cerca dos efluvios alcohólicos.

-¿Por que decidiu abandonar o duro oficio de pandereteira polo puro oficio do teatro?

-O cabaré foi saíndo da música cantada con Davide. Aos dous nos gusta reinterpretar o carácter da cultura galega desde o humor. Todo o que facemos ten a perspectiva da cultura galega. Realmente facemos un traballo de antropoloxía galega, reinterpretando desde os bailes tradicionais ata a música disco.

-¿Desentráñeme que é iso de que «O negro vai con todo»?

-O noso espectáculo anterior era Unha noite no muiño non é nada , un cabaré máis popular. O que mañá estreamos, O negro vai con todo , é un cabaré popular pero tamén urbano. Antes facíamos máis traballo de campo no rural, pero démonos conta de que a antropoloxía hai que facela tamén nas cidades. E por outra parte, é un cabaré que se achega máis ao público, por iso vai haber sorpresas.

-¿Os paisanos nas aldeas non se escandalizan con este cabaré antropolóxico?

-Hai de todo. Pero polo xeral sorpréndense porque o o noso cabaré é unha arma para levantar dobres morais por aí adiante.