Máis dun cento de marcas de viño das cinco denominacións etiquetan a súa produción en galego

La Voz

SANTIAGO

19 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Deixa que o viño fale é o título da campaña para a etiquetaxe de viños en galego, iniciativa da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, á que se teñen acollido xa 115 marcas.

A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, foi onte a anfitrioa dunha recepción oficial que se celebrou na Cámara autonómica para apoiar esta idea, e que contou coa participación de máis dun cento de adegueiros e deputados, así como do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e da secretaria xeral de Normalización Lingüística, Marisol López.

«O galego tamén é rendible para as empresas galegas», dixo Villarino, quen sinalou que o apoio dos sectores produtivos é fundamental para a normalización definitiva do galego. Tamén apuntou que o galego «constitúe o vehículo de transmisión óptimo da nosa cultura e representa un factor positivo de mercado».

Se no 2003 se etiquetaban en galego só quince marcas dun total de 440 adegas das cinco denominacións de orixe dos viños galegos, 2008 comezou con 115 marcas, e na próxima campaña serán outras vintecatro, que se sumaron onte a esta iniciativa.

Apoio á normalización

A Mesa da Cámara quixo exemplificar con este acto o seu apoio á normalización da lingua, ao igual que fixo anteriormente, en maio do 2007, co apoio expreso á campaña de uso do idioma galego nas forzas e corpos de seguridade, En galego, con toda seguridade, ou coa sinatura, en marzo do mesmo ano, dun convenio asinado coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para a aplicación dun tradutor castelán-galego en todos os equipos informáticos da Cámara.

O presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo, dixo que Deixa que o viño fale permitiu multiplicar por dous o número de adegas que etiquetan en galego, ata representar unha terceira parte do total.

O vicepresidente da adega Martín Códax, Ramón Barral, destacou que iniciativas como esta axudan a recuperar espazos en galego e a que os galegos recuperen a autoestima e a leven «con orgullo» á produción.