Centos de amigos e veciños, despediron onte no Val de Barcala ao poeta Xosé Manuel López Gómez, máis coñecido por Ardeiro, de 63 anos de idade, e que finou o pasado venres nun hospital de Ferrol, cidade na que se atopaba dende o xoves para asistir á intervención do poeta Antonio Gamoneda dentro do curso Torrente Ballester que dirixe o seu amigo José Antonio Ponte Far, ambos naturais da parroquia de Logrosa (Negreira).
Nun acto cheo de emotividade, familiares e amigos despedían a Pepe, O Ardeiro, coa interpretación do Himno Galego e a lectura dun dos seus poemas antes de proceder a súa incineración. Hoxe, nun acto íntimo, a súa familia depositará unha parte das súas cinzas en Logrosa, mentras ca outra parte serán levadas ata a súa querida illa de Cuba, seguindo a súa propia vontade, tal e como recoñecía onte un dos seus fillos.
Amante das tertulias cos amigos, o seu carácter afable converteuno nun personaxe moi querido en todo o Val de Barcala, onde desenvolveu a súa labor profesional no Rexistro da Propiedade. Ten editado varios libros de poemas e unha novela, a máis recente co título de Na outra beira dos sentidos.