O primeiro proxecto galego do arquitecto xaponés Shigeru Ban será unha vivenda familiar en Santiago

Camilo Franco

SANTIAGO

11 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro proxecto do arquitecto xaponés Shigeru Ban en Galicia será a vivenda familiar do restaurador Marcelo Tejedor, unha casa a construír nas aforas de Compostela.

Shigeru Ban, coñecido pola utilización de materiais como o cartón e outros derivados do papel, participou semanas atrás no encontro internacional de arquitectura celebrado en Compostela e foi presentado ao público polo propio cociñeiro. Aproveitando a participación nos encontros, Ban acudiu a coñecer o solar no que se levantará un edificio que, segundo asegurou Marcelo Tejedor, «aceptará todas as características da arquitectura de Shigeru Ban».

O restaurador non descarta que no futuro esa vivenda sirva tamén como espazo para o seu restaurante, aínda que explica que por agora non pode «dar ese salto para as aforas».

O cociñeiro coñeceu a Shigeru Ban anos atrás e sentiuse atraído por esa forma de construír do xaponés na que materiais aparentemente febles gañan consistencia ao tempo que son utilizados harmonicamente. Marcelo Tejedor comenta que sempre se sentiu atraído «por esa arquitectura e tamén pola filosofía que a sustenta».

Ban defendeu en Santiago a necesidade de que os arquitectos deixen de pensar monumentalmente para entender as necesidades da xente. Marcelo Tejedor recordou tamén esa proposta do arquitecto de casas de cartón endurecido para cubrir as necesidades das comunidades que sufriron algún tipo de catástrofe. E engadiu que unha das cousas das que se sente máis contento é a «de pensar que hai algunha relación entre a cociña que [el fai] e a forma de entender o espazo que ten Shigeru». Tamén admitiu que o custe do proxecto pode «estar por riba da media», así como que esta obra, a primeira que leva a cabo Shigeru Ban na península Ibérica, demostra que desde a iniciativa privada se pode contar con grandes arquitectos.