«Se hai que ir, iremos aos tribunais polo campo de tiro»

A. González / L. Penide PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

Afectados polas obras de Cernadiñas alertan da contaminación por chumbo que ocasionará o tiro ao prato ou ao pichón

26 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Inda que o máis chamativo son as balas, o que realmente é perigoso e contaminante son os restos de chumbo. Os restos de chumbo están a contaminando toda a zona e coas choivas, polos regatos, está chegando ao río Lérez». Ista foi a advertencia que lanzou en Radio Voz Pontevedra Jesús B. Castro Castro, presidente da comunidade de montes de Xeve, colectivo que encabeza a oposición veciñal contra a ampliación do campo de tiro de Cernadiñas Novas.

-¿De que afección podemos estar falando?

-Se impacta contra a flora toda a fauna queda afectada porque os coellos e os corzos que a consuman vailles entrar no seu organismo. O chumbo é un metal pesado que pode entra no ciclo vital do ser humano.

-¿Como é posible que os proxectís saian do campo de tiro?

-Cando estes terreos foron expropiados o foron para instalacións deportivas, pero o que realmente se estaba a realizar era tiro de pichón e tiro ao prato. Iso é o que sae fora das instalacións do campo de tiro e é o que os veciños non queren porque lles está a prexudicar. Ademais, incúmprese a normativa dos campos de tiro e, de feito, foron anuladas este tipo de prácticas porque non cumpre ningún requisito legal.

-¿Temen que con estas obras que se están a realizar se retomen estas prácticas?

-Non sabemos. Pedimos ao Concello que nos informara das obras e atopámonos con que non había ningún permiso de obras. Según un Real Decreto do 2008, calquera obra que se faga na Rede Natura ten que ter un informe ambiental, do cal carece. Non sabemos o que se vai facer, pero o que temen os veciños é que sexa para adaptar o campo de tiro para seguir practicando o tiro ao prato. E os veciños e a comunidade de montes non están dispostos. A comunidade estaría encantada de que alí fixeran instalacións deportivas e, incluso, cederíanse terreos, pero para cousas que non sexan lesivas para os veciños e para o medio ambiente.

-¿Vostedes buscan pechar Cernadiñas Novas?

-Non é ese o problema. É que agora, ademais de todo isto, a Xunta mándanos unha planimetría onde queira usurparnos unha parcela dunhas cinco hectáreas que nunca foi cedida, nin nunca entrou nos plans do campo de tiro. É unha área que este verán foi recuperada pola comunidade de montes porque é unha zona que da ao Lérez.

-¿É con respecto ao tiro deportivo?

-Estamos dacordo en que se faga. Estamos en contra dos outros, que son máis ben de lecer.

-Ademais de aos tribunais, ¿ata onde están dispostos a chegar?

-En principio, xa reclamamos ao Concello que se mobilice fronte a unhas obras que carecen de permiso municipal. Tanto que falan do medio ambiente, que se movan. Este problema nos custa cartos dúas veces, porque pagámolo como comunidade de montes e tamén pagamos a Xunta coma calquera cidadán. Se hai que ir, iremos aos tribunais. E as mobilizacións seguirán mentres sigan as obras. A xente está moi sensibilizada porque non queremos iso na parroquia. A comunidade colaboraría cun centro deportivo. Pero isto nin o desfrutan os veciños de Xeve, nin os veciños de Pontevedra.