Pablo estudiou Belas Artes en Pontevedra, Valencia, Madrid e Barcelona e Salva Historia da Arte. Así que encaixa perfectamente o rincón que elexiron da cidade, a Illa das Esculturas. «Gústanos un montón este sitio -explica Pablo- e aproveitamos así para darlle un pouco de vidilla. As esculturas pódenche parecer mellor ou peor, ou máis ou menos apropiadas. Pero o proxecto ten artistas que cando eu estaba estudiando fóra, en Valencia, Madrid ou Barcelona a xente o miraba e dicía, 'é unha pasada'. A xente de fóra veo incrible. Ter aquí a Jenny Holzer, Dan Graham, artistas fundamentais e elevados no arte contemporáneo. Ter as frases de Jenny Holzer grabadas nun banco pode ser todo un referente. E nós o que dicimos que xa que está montado nunha zona como esta e coa repercusión que podería ter ese espazo, non é normal que estea morto e cheo de basura. Non hai máis que ver o labirinto de Morris, da noxo meterse».
Engade que o proxecto incluso podería potenciarse con outras iniciativas. «Por exemplo, con motivo da Bienal poderíase facer un concurso de intervencións entre os participantes e que a gañadora deixe a súa peza na Illa ou utilizalo para facer un roteiro artístico», indica. «Habería que deixar a polémica local e potenciar o que ten A Illa aí», engade Pablo.
Fundación
As súas propostas non se quedan aquí. Tamén queren axudar a facer realidade á Fundación Uxío Novoneyra, poeta ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas no 2010. «A nosa idea -di Salva- é que o posible beneficio que saquemos das camisetas axudar aos herdeiros a facer esta fundación. Pretendemos que teña obradoiros artísticos para dar becas e que a xente traballe. Todos os produtos que fagamos neste senso irán a fundación, aínda que é complicado nestes momentos».
Eles tampouco se libran da crise. «A metade das tendas multimarca ás que vendiamos pecharon ou están a punto de pechar, e o ano que ven vai ser bastante duro coa subida do IVA -engade Salva-, porque se un pantalón che valía cen euros agora van ser cento vinte. A xente valora que o fagas todo en Galicia, pero sendo así máis barato non se pode facer».