A compañía Volta e dálle presenta hoxe, ás 21 horas, no Teatro Principal, o espectáculo Pan, catro propostas arredor da malla, unha innovadora proposta que mestura teatro e danza con música en vivo.
Trátase dunha creación colectiva dirixida por catro directores e unha coreógrafa, cunha temática diferente, a tradición perdida das mallas agrícolas, que simboliza a perda dos valores da colectividade e do esforzo dentro da sociedade galega, eminentemente rural non hai tanto tempo.
Os actores Comba Campoy, María Lado, Pepe Penabade, Luís Iglesia e Alfonso Romeo interveñen neste espectáculo que conta con música en directo de Mini Rivas e Mero Iglesias, integrantes do grupo A Quenlla.
Accións de rúa
Pola mañá, varios actores da compañía realizarán hoxe accións teatrais de rúa diante do Teatro Principal, sobre as 12.30 horas, mallando e repartindo publicidade e pan de Cea para promocionar o espectáculo.
O prezo da representación é de 5 horas, se ben os estudiantes, parados e xubilados terán un desconto. Venta anticipada no teléfono 902 504 500 e en www.caixanova.es.