O Concello anunciou onte a posta en marcha dunha campaña de dinamización lingüística para promover o uso do galego no comercio pontevedrés. Os obxectivos desta iniciativa son, segundo relatou a concelleira de Normalización Lingüística, Anxos Riveiro, «reforzar o uso do galego nas relacións comerciais como marca de identidade, calidade e proximidade coa clientela; animar aos comerciantes que non usan o galego a incluír esta lingua na súa comunicación empresarial como un modo de achegarse á clientela; e ofrecer material actualizado para facilitar as xestións comerciais». Na primeira fase da campaña estase a repartir material publicitario, como carteis, calendarios, mandís, caramelos e etiquetas adhesivas; e haberá un curso de optimización da comunicación para o comercio.