O Teatro Principal acolle hoxe, ás 21 horas, a estrea do filme O cazador, unha curtametraxe de Ángel Santos protagonizado por Lois Soaxe e Maite Pazos e producido por Matriuska. Trátase dunha adaptación libre dun relato de Anton Chejóv que ven de conseguir o primeiro premio do Festival Filminho. Precisamente dende a produtora confían que sexa só o primeiro dos galardóns, pois esperan presentalo a outros e confían que a súa calidade sexa recoñecida.
O realizador subliñou que O cazador non é una curta ao uso, senón que é unha obra un tanto atípica pola duración, 25 minutos, porque non é algo chistoso, e porque se trata dunha adaptación literaria, tres factores que non son moi normais neste tipo de cine. En tal sentido, engadiu que o que quería era «investigar sobre o proceso da adaptación literaria, sobre os mecanismos de creación e de construción de personaxes e do propio cine». En tal sentido, a parte da adaptación do texto so ocupa a terceira parte da obra, e as dúas primeiras son a lectura do propio relato de Chejóv e a interpretación dos actores que van traballando nese texto.
Santos Touza, que contou cunha subvención da Consellería de Cultura para realizar a obra, resaltou a labor dos actores, «que deron o peso que a historia necesitaba, pois nunha parte están eles dous sos nun escenario baleiro, non hai nada máis, e son os que aportan toda a forza que ten a obra».
O protagonista, Lois Soaxe, manifestou, pola súa parte, que a gran sorpresa desta obra «foi a división entre tres linguaxes diferentes, un literario, outro teatral e o de cine», engadindo que «os actores atopámonos cun texto no que o importante e o que non se di».
Sentiuse moi cómodo na rodaxe, que apenas durou catro días, pois participaron somentes «unhas cinco ou seis persoas polo medio do monte, era case como facer unha obra de teatro cos actores, o director e o escenógrafo, unha cousa moi en familia que nos deu moita intimidade para que a historia saíra dos propios actores».
Os escenarios naturais foron os montes de Pazos de Borbén e Soutomaior, e tamén rodouse na casa rural Pazo de Larache, en Vilaboa, e na Casa da Cultura de Quintela, en Moaña.
Por outra banda, o produtor da película, Daniel Froiz Guede, engadiu que dende Matriuska están moi satisfeitos co resultado da obra e destacou que «e o primeiro produto que logramos colocar directamente no mercado».
De feito, O cazador pódese mercar xa na librería Michelena de Pontevedra e nos Hipermercados Froiz, na sección de audiovisuais, o que lle supón «unha satisfafacción enorme».