Curtocircuito para nenos

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Alumnos das escolas de Pontevedra poderán ver unha seleción de dez curtametraxes no Café Moderno

14 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Fundación Caixa Galicia programou para a vindeira semana un ciclo de curtametraxes para escolares denominado Curtocircuito para nenos. Trátase dunha actividade que quere impulsar a curtametraxe como ferramenta funcional e creativa que axude a desenvolver os aspectos tratados no currículo escolar.

A actividade enmárcase no IV Festival Internacional Curtocircuito que se celebra en Santiago, que participa, xunto co Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, na organización deste primeiro ciclo de curtas para nenos, que tamén se desenvolverá noutras cidades galegas, como Santiago, Ferrol, A Coruña e Vigo. Desta forma, o festival compostelá amplía este ano o perfil do seu público e tamén o seu territorio de actuación, extendendo a oferta cinematográfica aos máis cativos desas cidades galegas.

Concretamente en Pontevedra, a sede da Fundación Caixa Galicia, no Café Moderno, acolle este ciclo entre os días 16 e 20 deste mes.

De entre as 3.000 curtas que participan no cuncurso, realizouse unha escolma que compón este programa e que supón unha viaxe arredor do mundo da man de traballos procedentes de diversos países. O material ponse a disposición dos docentes para que o podan utilizar como recurso didáctico.

As películas selecionadas reflicten situacións, conflitos, modos de vivir e de sentir, intereses, desexos, aspiracións, valores e contravalores actuais. A peculiaridade dun formato de curta duración facilita ademais a diversidade temática, o mesmo que a atención dos alumnos.

As cintas selecionadas son Bonhomes (Bonecos de neve), de Cecilia Marreiros Marum, na que un neno decide facer un boneto de neve, tarefa na que aplicará toda a súa enerxía e esperanza; Le voleur D'Éclat (O ladrón de obxectos brillantes), sobre un home paxaro cleptómano que se namora dunha ourive de ollos como diamantes; Loop (Bucle), cun caracol que nos leva a través de distintas realidades; Tadeo Jones, de Enrique Gato, un explorador pouco convencional que nunca soubo como evitar os problemas; Overtime (Horas extras), cunhas bonecas de trapo que atopan morto ao seu creador; La migration Bigoudenn (A migración das Bigoudenne), de Alexandre Heeboyan, sobre as mulleres do Pays Bigouden que se xuntan nunha costa para preparar filloas.

Tamén se pasarán neste ciclo Au bout du mundo (No cabo do mundo), as aventuras dunha casa situada sobre un cumio dun outeiro, que bascula alternativamente de dereita a esquerda; Flatlife (Vivir nun piso), de Jonas Geirnaert; Birds (Paxaros), de Pleix, sobre un grupo de cans perfectamente peiteados que posan fonte á cámara; A flor máis grande do mundo, de Juan Pablo Etcheverry, e Man, de Juan Carlos Abraldes e Luis Faraón, un relato de fantasía baseado na historia real do artista alemán Manfred Gnädinger, que viviu coma un ermitán nas rochas da costa de Camelle ata que o chapapote do Prestige lle estragou a súa obra.