Queridísimos veciños

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

17 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTIMADOS amigos, estou absolutamente aterrorizado. Esta noite teño que asistir á miña primeira reunión da comunidade de veciños. Que sorte, dirán os que leven máis anos aturando esa especie de congresos de tensión desbordada á taiwanesa que se montan periódicamente no vestíbulo do seu edificio. Pois si. Pero o bo acabouse. Non crean que sei moi ben de que vai o tema. Nin sequera lin os puntos da orde do día. Creo que o primeiro trata de algo así como poñer unha liña comunitaria para Internet, e aí xa me vou gañar a inquina eterna de máis dun. Porque non me queda máis remedio que confesar que me vou opoñer por completo. Non teño nin idea de tecnoloxías, por moito que me explicaran que se accedo á proposta da comunidade terei menos ancho de banda e algúns problemas de privacidade, pero tamén aforrarei os meus cuartos. O meu é pura vinganza, si señor, pura vinganza aínda cando levo menos dun ano vivindo onde vivo. Non vou compartir liña telefónica simplemente porque non me sae das narices, porque non me apetece compartir nada cuns tipos cos que xa comparto as conversas por móbil a berros cada noite, a montaxe dos mobles de Ikea a leñazo limpo cada domingo a primeira hora e, sobre todo, o xornal cada mañá. Porque se me mangan La Voz todos os días, que non farían se tivesen un mínimo acceso ao meu ordenador. (Post data, engadida despois de asistir á xuntanza: non foi tan terrible. Discúlpenme, queridísimos veciños). martino.suarez@lavoz.com