Catro liñas da cidade acolleron adaptacións de obras de Nós
23 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Ás 12.40 horas, chegaba un autobús da liña 22 á rúa Vicente Risco. Entre os viaxeiros subiron catro actores noveles e dous músicos. No traxecto, cantaron e representaron unha escena de Os vellos non deben namorarse, de Castelao. Ata chegar á Alameda, repetírona dúas veces. Os poucos viaxeiros atopábanse sorprendidos vendo a Pimpinela rifar coa súa nai porque esta quería casar á filla co señor Fuco, moi rico, e ela acaba deixando ao seu mozo.
Outro grupo subiu a un autobús na Alameda, rumbo á Ponte. Nesta ocasión, tamén con músicos, unha guitarra e un acordeón, cantaron a canción A vendima do Ribeiro para dar vida a unha escena de A lagarada, de Otero Pedrayo. Varios viaxeiros desfrutaron coa representación e cantaron a pracer. Houbo teatro toda a mañá nas liñas 22, 6B, 14 e a que vai ata A Valenzá. Unha experiencia con adaptacións de catro obras de autores da Xeración Nós no programa Entreparadas. Viaxa con Nós. Son historias solidarias en tránsito na defensa da convivencia, do respecto, da igualdade e da tolerancia. Un proxecto integral de inclusión social deseñado pola Asociación de Mobilidade e Prevención de Accidentes de Tráfico P(A)T. Contou con 16 actores seleccionados por Máximo Cid. O 75% deles teñen unha intensa historia vital e proceden de asociacións protectoras de grupos en risco de exclusión social. José Pérez Coya, xubilado, fixo de señor Vences: «Participar nesta iniciativa rexuvenéceme e anímame moito. Eu son un maior con alma xove», di contento.
Impresións
Felisa Nchama, invidente, procede de África, estudou en Madrid e hoxe fai Dereito en Ourense. «Esto me permite conocer más sobre la cultura gallega, por el contenido de las obras y me siento más integrada en la sociedad. Yo estudié en Madrid la literatura española pero en general», sinala esta avogada en A vella velliña, de Risco. Félix González estuda 3D na Coruña, válese dunha cadeira de rodas e fixo de arqueólogo en A lagarada. «Supón un reto e unha alegría», indicou.
Por alí andaba María Liaño, produtora de espectáculos. «Estamos facendo un documental sobre o que a xente nos buses non ve: os ensaios, o que sente cada ún dos actcores, todo o que hai detrás deles». Mague Anne inmigró desde Senegal e quere ser actriz. «Llevo seis años aquí y es la primera vez que hago teatro y quiero seguir», manifesta emocionada. A outra obra, O pai de Migueliño, de Castelao, con marionetas. Dirixiu Elena Seijo. O programa de man editouse en braille e a xornada saíu redonda.