Xerardo Méndez novela en «Que cara trae o día» unha historia de barrio

ourense / la voz

OURENSE

05 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xerardo Méndez volta á actualidade literaria con Que cara trae o día, unha novela que se presenta hoxe na Livraría Torga (ás 12.00 horas) e que está editada por Toxosoutos. Catorce anos pasaron dende que publicou a súa primeira obra e o autor recoñece que «eses mesmos anos ten o texto. Comecei daquela con esta historia e en todo este tempo funlle dándo voltas, cambiando cousas, dándolle forma».

En palabras do seu autor, Que cara trae o día, é «unha historia de barrio protagonizada por un home que non se atopa a gusto no sistema educativo da dictadura e acaba deixándoo. E a partires de aí comeza unha nova vida». Dende entón na realidade do protagonista comeza a ter «unha especial influenza e protagonismo a vida das pandillas, moi importante e con moita presenza no Ourense de hai décadas, os altercados, a tentación da droga -que na obra ten moita importancia aínda que non se lla dá un especial protagonismo na novela- e moitas máis cousas».

Xerardo Méndez sinala que a novela non é autobiográfica «aínda que é evidente que no arranque da obra, nas anécdotas e noutros aspectos pode haber influenza do que coñeciches nalgún momento: os feitos reais moitas veces son máis potentes e duros que os inventados» e incide en que «non é máis que unha historia de barrio ambientada en Ourense».