ivimos tempos sombríos malgastando o escaso tempo que nos foi concedido na terra, que diría Brecht, sempre chamando á mobilización para que a clase política atenda ó sentido común. Eles non acostuman a vivir coa verdade. Maila todo, o caso da incineradora do sur ourensán é unha oportunidade para toda a veciñanza que leve tempo agardando facer algo positivo pola súa comarca, aquí ten o momento acaído, xa que polo que parece o PP da Deputación e concello de Xinzo non vai facer moito; e si realmente esta é a súa intención, ou nada saben de incineradoras e do seu fortísimo impacto, ou xa meteron o dente.
As nosas autoridades Baltar e Chavilleiro descoñecen que o lixo non desaparece por arte de maxia na incineradora, senón que se transforma en fume e cinsa. O fume transporta unhas partículas chamadas toxinas e dioxinas, e a cinsa é xa por si un potente contaminante da terra onde está a planta. Na combustión tamén se liberan varios tipos de óxidos de nitróxeno e outros axentes potencialmente canceríxenos. As dioxinas en contacto co medio ambiente, ademais de ser nocivas para a saúde, aparato respiratorio caso da asma, xeran choiva ácida e bioacumulación de metais pesados nos nosos embalses, acuíferos, fontes, xa bastante castigados por un feito agropecuario pouco rigoroso, e agora así tocados de morte co paseniño envelenamento do noso valor ambiental e potencial alimentario, e por extensión da nosa vida por moita ZEPA que haxa. Non é preciso engadir a afectación da choiva ácida sobre cultivos, pasto e monte, mención expresa para unha das especies máis fráxiles como son os anfibios e batracios, as rás en definitiva, que no caso de Xinzo xa fai de todo surrealista a cousa da dita planta. Sen embargo, o máis rechamante da historia é cando nos falan de postos de traballo, pois ben, as 10 plantas incineradoras que existen hoxe en España xeran 568 postos de traballo cando un modelo similar de xestión de residuos baseado en exclusiva na redución, reciclaxe e reutilización demandaría 20.000 traballadores; sen falar da suba de taxas e a incidencia negativa na economía local. Isto é o que nunca dirán da incineradora de Xinzo.