Corrían os anos 80 cando os representantes laborais protagonizaban peches tódolos xoves na sindical de Ourense para reclamar que se lles voltase o patrimonio incautado polo franquismo. Eran días de movilización e ilusión «ata que o conseguimos. Entón Xaime Quessada falou con nós para prantexar a idea de facer algún cadro para que cando se abrise ao público non estivese todo deslabazado e darlle un pouco de vida ao sitio. E nós dixémoslle que sí encantados».
Nesta altura, máis de vinte anos despois, José Gómez, antigo responsable provincial de Comisións Obreiras, lembrao como se estivese agora mesmo vendo ao seu amigo Xaime paseando por aquelas estancias. Eran outros tempos «e daquela só había as seccións de metal, ensino, construcción e sanidade en CC. OO. Xaime só puxo unha condición: dixo 'se me pintades os tableiros eu fago os murais'. Fomos por eles, pintámolos de branco -Narciso Martínez Ojea, de Unvi, foi o que máis pintou- e cando secaron colgámolos».
«Que non estamos no partido»
Quessada quixo saber como ían estar distribuidas as depedencias do sindicato «e non o dubidou: dixo que ía facer un mural alegre, con fondo branco e cores vivas, para o espazo donde ía estar o avogado. 'Aquí a xente vai vir con problemas e merece algo que atalle esa situación e non lle lembre eses problemas'. O outro mural estaría na sala de xuntas, lembra Gómez, e el decidiu que aquilo merecería 'unha obra dura, forte, de loita...e ao mesmo tempo de espranza e de futuro'».
O desaparecido artista colleu unhas mesas e unhas cadeiras e púxose á obra. Gómez sorrí cando lembra como «cando só tiña pintada a fouce e o martelo apareceu por alí Alcalde -entón responsable de CC. OO.-, que era íntimo amigo del, e espétalle: '¡Jaime, que isto non é o partido que estamos en Comisións Obreiras!'. Quessada cabreouse todo; soltounos un discurso sobre marxismo, arte e simbolismo -a representación do moucho, das pombas, etc-, e marchou».
Os seus amigos de CC. OO. díronlle as chaves a Quessada e dixéronlle que podía ir por alí pintar cando quixera e o que quixera, sen que ninguén o molestara. Dito e feito, «Xaime veu unha noite e pintou os dous cadros. E ao da entrada púxolle unha adicatoria: 'Aos meus amigos comunistas de CC. OO.'». Gómez viviu de tal xeito o proceso e a íntima relación e colaboración do artista con sindicato que repasa sen necesidade de miralos os cadros e fala do moucho, da maxistralidade do artista para debuxar rapaces, da representación do futuro como unha muller loitadora cun neno no colo...