Lembranzas

Juan Manuel Casares Gándara

OURENSE

22 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que me acusen de pasadista, nin podo nin quero fuxir das miñas lembranzas por que fan eternas tanto ás persoas como ás súas accións. ¿Que son os fitos históricos senón lembranzas colocadas en lugares e tempos concretos?, ¿de que serve a historia se non aprendemos dela? Leo El fin del fraguismo e lembro que o 13 de xaneiro de 2003 Xosé Cuíña (que en paz descanse) é cesado coma conselleiro do goberno galego; e que o 21, cinco deputados de Ourense, nomeadamente a banda do Nene, «péchanse» nun piso das Burgas e ameazan con deixar ó goberno galego en minoría no Parlamento de Galicia. A causa é a destitución de Cuíña aínda que agochada detrás dunha protesta pola suposta perda do «matiz galeguista do Partido Popular».

O 10 de setembro de 2004 Fraga remodela o goberno galego e coloca a Alberto Núñez Feijoo coma vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia ó tempo que Baltar Blanco non é, outravolta, conselleiro de Agricultura. O día 13 comeza a chamada «revolta da carne ó caldeiro» cando na romaría popular do Monte do Gozo, Cuíña e Baltar néganse a xantar con Fraga en protesta polo recente nomeamento de Feijoo. O día 18 Baltar ameaza con rachar o partido e esixe a presenza de Cuíña nas listas autonómicas, chantaxe agochada agora na perda de soberanía ourensá. Despois de máis dun mes de tensións, o día 5 de outubro Fraga esvaécese durante unha intervención no Parlamento de Galicia e o 19 de xuño de 2005 perdemos o goberno.

Post Data un: Remato a lectura de Luxilde e Carreira e enceto a Historia da liberdade de Lord Acton, quen dixo que «el poder tiende a corromper, el poder absoluto corrompe absolutamente». Post Data dous: Ollando para o uso que algúns fan do galeguismo asino a frase do meu admirado Florentino Cuevillas: «Cómpre pensar no que sería este país, tan ben dotado por natureza, se os seus fillos fosen menos galegos e máis galeguistas». Post Data tres: Non se pode esquecer.