Víctor Rodríguez é investigador becario predoutoral da Área Medieval da Universidade de Vigo.
-¿Que o motivou a estudar este mosteiro?
-A razón fundamental é que é das casas monásticas que permaneceron en activo na Ribeira Sacra que non tiña ningún estudo histórico, si artístico. E que fai pouco tempo que foi declarado Ben de Interese Cultural. Coñecíase a súa vinculación ao mosteiro de Santo Estevo pero non como cenobio independente que foi.
-¿Publicarase esta tese?
-Verase publicada nun libro en breve como anexo do Boletín Auriense.
-Como a documentación medieval non é toda que houbo, ¿que lagoas hai sobre este mosteiro?
-A fundación é a máis complicada de solventar aínda que sempre se quixo facer derivar dos eremitorios da zona. Existen ermitáns pero que de aí se poda deducir a fundación non se pode confirmar. Outra, o momento en que pasa a ser beneditino. Non se sabe cando nin por que. Sabemos que a mediados do XII é beneditino.
-¿Cal foi o ano de maior esplendor?
-Debeu haber dous momentos, un a fins do século XII, cando se constrúe o claustro e a igrexa. Outro correspóndese cos anos finais do XIV que coincide co abade Alfonso Fernández que contradí esa dinámica común monacal galega de inicio da grande crise.
-¿Que supuxo para vostede esta investigación?
-Un traballo agradable, gratificante por orixinal e inédito.