«A nosa relación co PSOE é boa, polo que non creo que haxa ningún problema para gobernar»

OURENSE

15 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

De meteórica califican moitos, no seu partido e nos outros, a ascensión de David Rodríguez (Manzaneda, 1978) na política. Hai dous anos ocupaba o número cinco da lista do BNG, sen demasiadas posibilidades reais de saír concelleiro, e agora aparece na carreira por ser alcalde.

-Non se pode negar que foi rápido...

-Era algo que non esperaba cando fun na lista, pero entre as renuncias e a xente que non quixo, aquí estou. Non é a maneira que a un lle gusta, pero non hai outra e agora mesmo é a única saída.

-Na súa despedida o alcalde remarcou que se abría unha vía ao diálogo. ¿Confía na recondución do pacto?

-A nosa relación (dos edís do BNG) con Herminio (Cereijo, voceiro do PSOE) é boa, e non creo que haxa ningún problema para renegociar o pacto.

-Vostede alcalde...

-Aínda non se sabe, pero é a nosa proposta; en principio serei eu o alcalde.

-¿Tras o mal bipartito que houbo, cre que reeditalo será bo para Manzaneda?

-É o mellor para o pobo, dado que Toño marchou; pero na situación de agora o mellor é recuperar o organigrama de antes.

-¿Quen ocupará a acta do rexedor saínte?

-Toño aínda non renunciou á súa acta, farao despois da elección do novo alcalde. E entrará a seguinte na lista.

-Unha persoa imputada polas ameazas ao socialista, ¿será posible a convivencia?

-Realmente a relación máis directa é entre o alcalde e o tenente, e a nosa relación é boa, polo que non creo que haxa ningún problema para gobernar.