«Houbo de todo na miña vida, pero tamén alegrías, e a verdade é que a día de hoxe as sigo tendo»

CELANOVA

Ninguén diría ó ver como se move pola casa ou como atende ás visitas que María Hortas está a tan só tres meses de soprar cento unha velas. Só a xordeira e os problemas de visión nun ollo delatan a idade dunha muller que onte acudía, rodeada de boa parte da súa familia, á homenaxe que lle ofrecía o Concello, porque, como di ela, «centenaria so se é unha vez».

-¿Como chegou a Ourense?

-Eu nacín en Entrimo e o meu marido tamén, pero el era militar e tiña que marchar a onde lle daban destino. Marchamos a Muíños, a Prados, e logo a Celanova, no ano cincuenta, para que os nenos tiveran colexio. A Ourense xa vin de maior, polos fillos.

-¿Cantos son na familia?

-Teño cinco fillos, trece netos e once bisnetos. Cando cumprín cen xuntámonos trinta e nove persoas e se imos todos á homenaxe seguro que enchemos o sitio.

-¿Como foi a súa infancia?

-Entrimo é o mellor sitio que hai. Eu crieime alí e estudei na escola. Non puiden facer máis, porque daquela non se podía, pero aínda sei os nomes de todos os ríos e os das provincias. O recordo todo. O sentido o teño todo: sei os teléfonos de todos os meus fillos e todos de memoria. O meu pai morreu novo, polo tifus, e a miña nai tivo que sacar adiante a catro fillos ela soa. Eu tiña un irmán que casou en Madrid e eu fun alí a aprender a coser e, cando volvín, fun modista.

-¿Que lembra de cando chegou a Ourense?

-Os meus fillos paraban na rúa Coruña e, cando eu viña, o coche de linea pasaba por aquí, polo Couto, e eu recordo ver o Barbaña cando ía crecido. Agora xa non se ve. Ourense era moitísimo menos do que é agora.

-¿Como se ve a vida con cen anos?

-A vida a vexo triste. Teño moitos recordos. Quedei sola despois de máis de cincuenta anos casados. Houbo de todo na miña vida, pero tamén alegrías. E a verdade é que as sigo tendo.