Nacida en O Barco no 1932 a vida de Pura Rodríguez sempre estivo ligada aos fogóns de Casa Juanito. Primeiro como axudante da súa nai á hora de facer as camas, e xa aos doce anos cando se puxo á fronte do negocio «porque miña nai se puxo moi enferma». Onte o Concello do Barco recoñeceulle a súa labor hostalería coma homenaxeada na Festa do Botelo.
-Antes a fonda estaba situada na rúa de San Roque, no edifico de enfronte, pero hai moitos anos que cambiamos para aquí, no número 23 de Manuel Quiroga. E aquí estivo ata que pechamos, xa hai tempo; porque foi cando cumprín os 65 años e en xullo xa cumpro os 77.
-Toda unha vida de traballo, ¿como era a hostalería daquela?
-Por aquí viña moita xente. Moitos viaxantes, tamén obreiros e xefes das obras que se facían por aquí, como os do salto de Sobradelo; e a Garda Civil. Clientes sempre houbo moitos, e moitos ata choraron comigo o día que pechamos o restaurante.
-Sería que era boa cociñeira.
-Hai, a verdade e que era. E despois tamén estaba o carácter. Hai xente que lle vías o carácter enseguida, pero eu aínda que estivera chorando na cociña saía ao comedor rindo, porque iso é o que hai que facer cos clientes, sorrir.
-Recoñecen a súa traxectoria na Festa do Botelo, ¿dábaselle ben preparalo?
-Eu era boa cociñando botelo e cociñando de todo. Aquí todos os días había tres pratos e postre, e o día 6, cando era a feira de Viloira, había callos. Era o prato típico.
-¿Quen lle comentou a homenaxe?
-Avisáronme as miñas fillas.
-¿E que pensa un cando lle din que lle van facer un recoñecemento deste tipo?
-Púxenme moi contenta, porque me pasaron moitas cousas nesta vida e creo que o merecía. Como pasei moitas e non vin o cariño que tiña que ver en moitas ocasións, agradezo velo agora. O que máis me alegra é que aínda vez que hai quen me quere ben, aínda que xa cando tiña a fonda había moitos clientes que me querían ben. Eu creo que a homenaxe que me fan na Festa do Botelo é o recoñecemento á vida tan dura que pasei.
-¿Pensou algunha vez que llo darían?
-Cando vía que llo daban a outra xente, parecíame ben, pero pensaba que tamén mo podían dar a min. E agora, sen que eu dixera nada, recoñécenmo.
-Veu arroupada pola familia.
-Si, viñeron as tres fillas (vive co seu único fillo) e as cinco netas, e faime moita ilusión.
-¿Xa ten vido vostede máis veces á Festa do Botelo?
-É a primeira vez. Nin eu nin o meu home fomos nunca de ir por aí de festa.