En 853 páxinas o profesor José Antonio Tarrío Fernández amosa un estudo da sociedade ourensá baseado no exame dos cantares dos Maios desde 1917 ata 2008. Ourense e a súa sociedade: un século de historia interpretada dende as coplas dos Maios é o libro presentado onte e que, como di o etnógrafo Clodio Fernández, «ademais de constituír unha excelente e curiosa achega histórica, tamén vén a ser a primeira publicación que sae do prelo baseada exclusivamente nos cantares ou coplas dos Maios».
O libro ten cinco capítulos. Comeza cun estudo histórico antropolóxico da Festa dos Maios onde analiza o Maio de Laza, o de Ourense, a súa cruz, os Maios do sur de Galicia, o humano, á árbore e di como facer un maio típico e como ornamentalo. No segundo analiza as coplas, as rexeitadas pola censura, a súa estrutura, idioma, antigüidade e datos estatísticos. No terceiro, Tarrío amosa sucesos reflectidos nas coplas. Logo aporta seis roteiros pedagóxicos na cidade e remata cunha escolma de coplas.
O autor analizou en catro anos 37.254 estrofas que abranguen o período 1917-2008. «As coplas son o reflexo do que o pobo opina e o pobo é soberano», sinala. As coplas están no arquivo de Tarrío, na Biblioteca Pública e na da Deputación e nos fondos de Ben-Cho-Shey, aparte doutras de coleccións particulares.
A Festa dos Maios non se celebrou no 1937 e 1938. «Cando se len as coplas do 1940 en adiante a carga política é nula», engade Tarrío. Naqueles tempos, estas composicións arremetían contra as mulleres, o que demostra un machismo que o autor está estudando. «Eran críticas agresivas e de mal gusto contra a muller. Como de política non se podía falar, falábase deso e de deporte», sinala.
Hai ausencia de coplas conservadas desde 1917 a 1927. Do primeiro ano só quedan dúas. Desde 1928 houbo na cidade 1.524 Maios. Na ditadura as coplas tiñan que pasar a censura do bispo e do poder civil. A relación de temas é extensa nestas composicións satíricas. Poucos eventos da historia local quedaron silenciados. Por exemplo, ¿por que en Ourense hai descendencia coreana?. «Porque cando se instalaron as primeiras centrais de teléfonos, trouxeron coreanos que se casaron con ourensás. Hai moitos datos da historia viva da cidade que teñen que saber os ourensáns e que só se recollen nas coplas», explica Tarrío.
O libro detalla os acontecementos de cada ano que motivaron as sátiras e ten un cedé onde se pode buscar calquera nome de político, etc. e aparecen as coplas nas que deles se fala.