A pegada política segue presente neste médico pediatra que non esquece os moitos anos que pasou na vida municipal
06 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Xabier Casares Mouriño é «de lectura diaria». Cada xornada, para manterse en forma e retrasar os efectos do paso do tempo -anda xa polos 62 anos aínda que non se lle botan- pasa 50 minutos nunha bicicleta estática. Argallou unha especie de atril diante do manillar e aproveita para ler: «Leo novela, o fin de semana algo de ensaio, cada vez menos de política, e sempre os xornais». Médico de profesión -perdeuse un xornalista porque ía para plumilla pero acabou de bata branca-, Xabier é coñecido en Ourense tamén polo seu paso por institucións como o Concello, a Deputación ou o Parlamento de Galicia, sempre nas filas do PSOE.
Hoxe é un observador da vida política, pero non esqueceu algún dos traballos públicos que máis satisfacción persoal e rédito público lle deron: «Como concelleiro da área social no goberno de Veiga Pombo puxemos en marcha a loita contra a drogodependencia ou a integración da etnia xitana». Todo iso nunha institución na que pasou varios anos e a da que non se quere esquecer. Alí decide facer a foto, no seu rincón, a praza Maior, «porque pasei momentos moi agradables falando de política cos compañeiros e conversando cos veciños».
O Concello hoxe
Ourense agora, como na época de Casares, ten de novo alcalde socialista, pero a escena é distinta. Agora non se sabe si Francisco Rodríguez é alcalde ou é o alcalde daquelo que quere o BNG que sexa. Xabier avalía como perigosa esa situación porque máis alá de que «sexa importante que haxa un goberno de esquerdas, non se debería perder a perspectiva da lealdade e non entendo como se pode dar no Concello a imaxe de dous gobernos tan dispares porque o cidadán pode tomar nota e castigar electoralmente». Decátase de que o BNG «non é que sexa desleal, pero ten que asumir que están cogobernando pero como segunda forza, non eles solos».
Este ourensán de Xinzo de Limia é fillo do que fora mestre da vila durante corenta anos, «un home moi dialogante, sensato e calado que nos educou na liberdade e na tolerancia». Esa filosofía deixou na súa irmá, no seu falecido irmán Carlos e nel mesmo unha fonda pegada.
O inesquecible escritor Carlos Casares Mouriño foi para Xabier «unha persoa coa que tiven unha relación moi intensa, foi como a prolongación da educación que recibín do meu pai». Admirourono «humanamente» e pensa que Carlos foi quen de xerar ó seu carón un gran consenso porque dende o grupo Galaxia con ilustres como Piñeiro ou García Sabell desenvolveu un papel de «compromiso con Galicia» que lle está recoñecido.
Pero, ollo, ese sentimento de país, segundo Xabier, «era fondamente aperturista porque el dicía que Galicia non podía ser un reduto pechado, senón que tiña que abrirse moito máis alá dos seus límites xeográficos».
Clandestinidade
Ámbolos dous irmáns pasaron moitas horas xuntos, de cativos e xa de mozos. De pai e nai fondamente antifranquistas -«aínda que a miña nai era moi católica», lembra Xabier- asumiron de sempre as teses progresistas nunha sociedade sumida na penumbra do réxime de Franco. Pola súa casa pasaron xentes fuxidas e participou en certas aventuras clandestinas que agora lembra cun sorriso pero que no seu tempo supuxeron situacións evidentes de risco.
Xa na universidade, estudando Medicina militaba en Bandeira Roxa mentres era delegado de curso durante case toda a carreira. Logo na Fronte de Liberación Popular, o PSG, para desembarcar no PSOE, un partido no que xogou un papel importante, sobre todo en momentos «de fonda crise interna» porque, logo da dimisión do ex alcalde da Coruña Paco Vázquez como secretario xeral, a Casares tocoulle presidir durante sete meses a xestora que logo levou a elixir a Touriño, o actual presidente da Xunta, como líder dos socialistas galegos nun congreso celebrado aquí en Ourense.
Pero chegou un momento no que a política pedíalle cada vez máis tempo «e cando tiven que elixir entre seguir nela ou dedicarme por completo a miña profesión, non tiven dúbidas ningunhas e decidín seguir sendo o que son: médico».
Xabier Casares Mouriño é pediatra especializado no campo da Neonatoloxía e fíxose médico de nenos «porque sempre fun moi meniñeiro». Recoñece que curar a un rapaz «proporciona sempre unha sensación moi especial» e por iso segue desempeñando ese labor na sanidade pública «que, aínda con algúns defectos, está globalmente moi ben, agás os problemas das listas de espera que habería que corrixir».