«O poeta debe opinar e comprometerse, incluso ter algo de revolucionario»

Antonio Nespereira

OURENSE

A piques de que se publique a súa antoloxía poética, o creador ourensán confesa a súa paixón pola lírica e o papel da literatura nunha sociedade «demasiado práctica»

26 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un par de mesas máis alá da que compartimos unha abafante tarde de verán nunha céntrica cafetería, Víctor Campio Pereira séntase tódalas mañás «a falar do divino e do humano, e moi pouco de política» cun grupo de amigos que forman o colectivo Palabra Viva, xente que ama a poesía, o teatro, a literatura en definitiva: Elisa Feijoo, Augusto Valencia ou Marisa Calvo, entre outros. Ama as tertulias porque forma parte dunha xeración que administraba o tempo de tal xeito que sempre había un anaco para coincidir ou discrepar dos máis variados asuntos. Na foto superior desta páxina o poeta ourensán está sentado nun banco do parque de San Lázaro, o que ten unha chapiña que lembra que tamén pousaba alí Antón Tovar con frecuencia para reflexionar.

Víctor lembra que era «un dos mellores poetas galegos pola profundidade e sinceridade da súa escritura». Tovar, efectivamente deixou unha pegada moi forte, mesmo pola súa personalidade, chea de matices e aristas que Campio coñecía ben: «El tiña un problema relixioso moi grave e moi contraditorio que non puido superar. Non cría en Deus, pero sempre o tiña na boca, case sempre para blasfemar, e sempre para criticarlle por facer un mundo tan imperfecto».

Víctor Campio ama a poesía non se sabe moi ben dende cando. Nace en Garabás (Maside) un 15 de xullo de 1928 e estuda seis anos no seminario -onde coñece a Francisco Rey Romero e Abelardo Santorum, que influirían moito nel- para ser despois mestre e licenciarse tamén en Filoloxía Hispánica. Logo de pasar por varias ocupacións profesionais xubílase en 1994 como profesor no instituto das Lagoas.

Fala de literatura e poesía con soltura mentres na mesa están Escritos en do Menor e Perdida Luz , escolma poética, e avanza a saída dunha antoloxía poética. Non é, de tódolos xeitos, un creador que escriba baixo presión: «Paso grandes temporadas sin escribir e cando o fago é sobre todo pola noite. A inspiración acostuma a chegar cando leo». Non falta a súa beira un libro da Xeración do 27 ou da Xeración Nós, como nunca deixará de admirar a Celso Emilio Ferreiro ou Luís González Tosar. Víctor Campio disfruta coa lírica, pero cos versos con carga de profundidade: «O poeta debe opinar e comprometerse, incluso ter algo de revolucionario». De tódolos xeitos, opina que literatura e sociedade actual casan mal «porque a literatura non é práctica e vivimos hoxe nunha sociedade excesivamente práctica».