A fortaleza de Maceda acolleu a primeira actividade feita polo Concello: unha charla sobre Educación para a cidadanía
27 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O castelo de Maceda foi escribindo a súa historia vencellando a súa existencia a grandes nomes. Hai séculos acollendo a Alfonso X o Sabio -que como lembran nos artigos que estaban á venda na fortaleza «aquí pasou a nenez e aprendeu o galego que lle serviría logo para crear as Cantigas de Santa María»- e vendo como se formaba nestas terras o que logo sería o grande descubridor Joao de Nóvoa. Logo sendo solar da Casa de Alba, que acabou por acceder ás pretensións do Concello de Maceda para recuperar o que xa era unha mágoa de pedras arrombadas. En tempos máis recentes, tal que o pasado ano, o castelo de Maceda volveu ser un enclave de referencia e de grande repercusión mediática grazas á resistencia heroica de Dona Celsa, muller de armas tomar que aturou o asedio dos políticos e veciños de Maceda, na defensa dos intereses do seu fillo -nais como Dona Celsa non hai máis que unha- e da concesión da explotación da fortaleza como hotel monumento. Dona Celsa e os seus fillos decidiron voltar á casa polo Nadal, e que a Xustiza resolva os litixios pendentes.
Cita cultural
Co castelo outra vez baixo o escudo de armas do Concello de Maceda, e co alcalde Xabier Oviedo Rodríguez como autoridade máxima da fortaleza, quedaba por consumar a reivindicación que foi centro de atención durante semanas: voltar o monumento ós veciños. E que mellor argumento que unha cita cultural, protagonizada neste caso polo profesor e investigador Xosé Manuel Cid, para que os cidadáns de Maceda se atopasen de novo co seu patrimonio.
Representantes políticos -o alcalde Xabier Oviedo e a tenente de alcalde Ana María Rodríguez, así como varios concelleiros-, o escritor Ramón Caride Ogando, o historiador Santiago Prol, ou o delegado da Consellería de Cultura en Ourense, Xosé Carlos Sierra, entre outros, foron algúns dos que se diron cita onte na fortaleza.
Formar en valores
Xosé Manuel Cid, o decano de Humanidades de Ourense, foi o protagonista da primeira actividade desenvolvida no castelo recuperado para o uso dos veciños de Maceda. A conferencia ía ser impartida antes do Nadal «cun profesor de Compostela e máis eu, aínda que non sei porque foi aprazada para estas datas».
Lonxe de polemizar co título da súa conferencia -sobre todo tendo en conta os posicionamentos enfrontados que se teñen producido nos últimos meses encol da asignatura de Educación para a Cidadanía- Xosé Manuel Cid apostou por mergullarse no cerne da sociedade e a civilización: «O temas fundamentais da Educación son os dereitos humáns, os valores e a cidadanía, niso temos que incidir para formar ós nosos cidadáns. Quizás estes son conceptos que hoxendía non están de moda, nun tempo no que priman os contidos científicos e a tecnoloxía, mais a educación son valores e temos que avanzar no aspecto humano, e non só no técnico».
O conferenciante tamén incidiu na historia dos movementos de renovación pedagóxica en Galiza e nos da educación para a paz «aproveitando que estamos a cumprir 30 anos deste movemento en Galiza e todo o que se faga para incidir no traballo pola paz é pouco», segundo aseverou en Maceda.