Frutos Fernández busca coa súa última obra aprender máis sobre O Ribeiro usando os nomes como reflexo da súa historia
27 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Frutos Fernández é profesor no IES Número Un do Carballiño e ademais é membro do Instituto de Estudos Carballiñeses que acaba de publicar «Nomes do Ribeiro», unha viaxe pola toponimia maior da comarca e a súa contorna. Nos 293 artigos que contén o libro analízanse máis de 1.000 nomes de lugar, tratando de buscar significado de cada un e enmarcándoo dentro da súa realidade xeográfica, histórica ou cultural.
-¿Como xorde a idea de reunir os nomes do Ribeiro?
-Levo tempo investigando a historia da zona e os nomes sempre me chamaron a atención e como fai dous anos fixen un traballo sobre onomástica nun congreso e entrei en contacto con este mundo para o que eu tiña xa algunhas notas empecei a traballar niso. Nun principio propúñame facelo só da toponimia maior, a dos núcleos habitados, pero despois fun introducindo máis cousas, algúns microtoponimos porque aclaran algúns toponimos e teñen valor. ás veces a microtoponimia son verdadeiros tesouros toponímicos.
-¿Foi difícil atopar eses máis de mil nomes?
-Non, é un proceso moi interesante e iso que como digo recollín microtopónimos que non tiveron pobo pero que dan unha visión da historia, como ocure con Carracedo en Abelenda, que hai poucos porque aluden a sitios pantanosos que no Ribeiro non hai moito.
-¿O nome que máis lle sorprendeu dos recolleitos e que non esperaba atopar?
-Dentro da toponimia maior hai noventa que son únicos e que xa adoitan ser interesantes, algúns con interpretacións coñecidas pero outros como Banga son únicos, falo da toponimia maior.
-Hai lugares con nomes propios como A Arnoia ou Castrelo que despois non son un lugar senón un conxunto deles
-Os concellos toponímicamente teñen pouco interese porque son recentes e o interese toponímico é anterior. O máis normal é que a parroquia sexa a unidade para moitas cousas, por exemplo Leiro tomou en 1956 o nome dunha freguesía de Lebosende.
-A súa extensa obra esixe recorrer a numerosas fontes, ¿onde as buscou?
-O primeiro é buscar nas fontes documentais máis antigas dos nomes, as medievais, nas coleccións dos mosteiros. Hai que ter en conta que a toponimia é moi importante porque dá moitas claves, pero é ademais moi complicada, xa que no feito de que nun documento apareza un nome non quere dicir que sexa sempre así porque en moitos casos sufriu unha castellanización e isto esixe ter moito coidado. O topónimo é a voz fosilizada.
-¿Cal é o seu próximo proxecto?
-A onomástica persoal, tamén no Ribeiro no século XVI, un século moi interesante cun cambio moi importante, ao ser ademais un século de ponte. Veranse tamén moitos apelidos característicos da zona que son toponímicos como Meín, Candendo ou Alén.