«Para ter un acto cultural non é necesario ir a un auditorio»

OURENSE

Os poetas Belén Andrade, Victor Fernández Viñal e Concha Rousía estarán mañá na nova edición de «Tasca e Literatura»

22 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Mañá domingo, no fío do mediodía, a Adega de Flores, no barrio carballiñés do mesmo nome, volverá a converterse en escenario cultural, orixinal e participativo, para unha nova edición do programa «Tasca e Literatura», que dende hai máis dunha década organiza a asociación Avantar.

-¿Como é a iniciativa?

-O que facemos é basicamente recitar poemas ou pezas de narrativa, mentres nos tomamos uns viños. A iniciativa foi argallada hai anos por Atanasio Cocheiro e Manuel María que quixeron facer algo que ensalzase a zona de Flores no Carballiño. O que se pretende demostrar é que para ter un acto cultural non é necesario ir a un auditorio, ou a un teatro, que a cultura está moito máis pegada á realidade cotiá e a xente. Esa é a filosofía de sempre do noso grupo, e non só o facemos con Tasca e Literatura, senón con outras iniciativas que facemos no ano, como o festival de maio que chamamos «O Orcellón fala e canta».

-¿Como responde o público a este plantexamento?

-Moi ben. Normalmente dura un par de horas, e cada vez hai máis xente que se anima e aporta tamén o seu grao de area, que é do que se trata. E que xa se sabe, que o viño solta a lingua e anima o ambiente.

-¿E quen se encarga de romper o xeo?

-Bueno, para iso están os escritores convidados en cada edición do certame. De feito este ano retrasamos un pouco a cita porque tiñamos apalabrada a presenza de Manolo Rivas, pero aínda que intentamos axustar coa axenda que o trae de acá para alá, non foi finalmente posible. Pero si estarán o resto dos convidados: Belén Andrade e Víctor Fernández Viñal, aparte deste que lles fala, pola parte galega. Tamén teremos como convidada especial a Concha Rousía, unha autora excepcional da raia que está moi en contacto con Portugal, Brasil e nos aporta a visión lusófona.