«Baltar é un político de 24 horas, deses que non teñen sucesión»

OURENSE

Despois de vinte e cinco anos de actividade política, dezaoito deles ininterrumpidos, Barata Quinta retorna á súa actividade profesional dende o Consello de Contas

14 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Vén de volta. Con 63 años acaba de incorporarse ao seu posto de traballo, como inspector de educación, despois dunha densa traxectoria política que principiou en agosto de 1982 como delegado do Ministerio de Sanidade e que o levou logo a delegado de Educación, concelleiro en Ourense, conselleiro de Cultura, asesor de Fraga e durante os últimos anos membro do Consello de Contas de Galicia. De tantos anos en coche oficial quédalle ter superado o inevitable mareo cando non conducía e a capacidade de durmir no asento traseiro, que desenvolveu precisamente como escudo contra o mareo.

-Eu chegaba a Cambeo e xa estaba durmindo. É certo. Como tamén o é que a muller me suxería sempre que conducise durante as fins de semana.

-De volta á vida civil, ¿ve o retorno ao traballo como o final dunha etapa, como un camiño de volta?

-Eu non vexo círculos, senón liñas que se van formando cos distintos ciclos da vida. Hai cousas, de todas formas, que están pechadas. A min estimúlame o cambio de actividade, puiden facelo na vida moitas veces e agora, na inspección, sigo na mesma liña: trátase dun posto que esixe estar esperto pois cada ano é distinto. Nunca me separei do mundo educativo. Agora ata os compañeiros me din que pregunte menos, que xa irán saíndo as cousas. En dezaoito anos fóra da inspección non deixei de participar nos congresos que se fixeron en España.

-¿Como ve a polémica sobre Educación para a Cidadanía?

-Ten todo o sentido a existencia dunha asignatura así. Todos somos cidadáns. A min paréceme que non ten sentido que exista o debate contra a existencia da materia. Pódese entrar polo miúdo e reservar o que non sexa de cidadán, senón de tendencia ou valoración persoal, pero merece a pena no currículo.

-¿É xusto comparala coa Formación del Espírutu Nacional, como fixo recentemente o ex ministro Otero Novas?

-Non, non, non. Salta moito no tempo e nace de contextos políticos moi diferentes. Non me parece un debate que mereza prolongar.

-Desde que chegou ao Consello de Contas estivo, pola súa propia condición, fóra da política activa. ¿Volverá agora?

-José Luis Baltar e eu falamos con frecuencia.

-Estivo no executivo, no lexislativo, e na representación institucional, ¿será o Senado o seu próximo destino?

-Eu non son o que ten que dicilo, pero, dentro do perfil tería moitas partes, consecuencia da miña experiencia vital.

-¿É capaz de imaxinar un PP sen Baltar en Ourense?

-Custa velo sen Baltar. Pero seguirá existindo aínda que Baltar non estea ao fronte. Baltar é un político deses que non teñen sucesión. Pásalle como a Fraga, como a Felipe González. Son persoas que practican un compromiso político que abrangue todo. Eu digo que son políticos de vinte e catro horas. En certo modo, Victorino Núñez tamén era así. A sucesión é difícil.

-Pero Núñez desapareceu da escena política.

-Porque coincidiu un momento de parón político co de xubilación profesional.

-Falaba dos políticos de vinte e catro horas...

-Os políticos de agora dinse eles mesmos profesionais, con moitas horas de traballo, as que sexan, pero profesionais. Pénsese en trasladalo a unha empresa familiar. É un compromiso vital. Hoxe, o PP necesita imprescindiblemente de José Luis Baltar. Será outra cousa mañá, terá que ir pensando non tanto na substitución senón en crear o clima posible para que a sucesión se produza, pero hoxe é así.

-¿Como ve o panorama político en xeral?

-Eu digo sempre que me gustaría que houbera unha maior implicación política da sociedade, que os veciños, os cidadáns de Ourense, estivesen máis próximos e fosen máis esixentes. Habería mellores políticos, sen que iso signifique que sexan malos os que temos.

-Pero tamén corren o risco de que o maior coñecemento leve a un aumento da abstención, ou do voto en branco...

-Obrigaría aos políticos a tomar medidas. Eu sempre digo algo que me parece moi indicativo da clase política que temos, cada vez máis profesionalizada. Case a metade dos políticos en activo, sen distincións de cor, ou non completaron os seus estudos, ou non exerceron nunca actividade profesional algunha, agás a política propiamente dita. E iso non é bo.

-Foi vostede conselleiro e logo asesor persoal de Manuel Fraga. ¿Que lle queda desa relación de tantos anos?

-Permitíronme chegar a un afecto mutuo importante. Había confianza. Poucas persoas accedían a el como o facía eu. Se eu vía, por exemplo, que parecía estar durmido no parlamento, acercábame a dáballe co cóbado; el, entón, dicíame sempre oiga, Barata, que no me duermo. Temos moitas anécdotas, aínda que os inicios non foran os mellores. Sendo eu delegado de Educación con Vázquez Portomeñe suscitárase unha diferenza de criterio coa consellería que dirixía Manancho Villanueva, polas obras no edificio do colexio da praza das Mercedes. Daquela os pais estaban moi sensibilizados e fixérano notar nun acto con Fernández Albor, no que estaba Fraga como presidente de AP. Eu daquela deixei o posto na delegación, e el, semanas ou meses despois, non lembro, mandoume unha carta para dicirme que lamentaba o ocorrido, que daquela non tiña toda a información, e non era eu o culpable da situación.