Investigan unha invasión de algas e bacterias no río Sil

OURENSE

A Confederación Hidrográfica fará análises para determinar si hai problemas ambientais ou sanitarios nas augas

07 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Confederación Hidrográfica del Norte (CHN) investigará a presunta invasión de algas e bacterias nas augas do Sil -na zona do encoro de Sequeiros- que foi denunciada esta semana polo profesor de química Miguel López, a fin de comprobar se pode ter efectos nocivos no medio ambiente ou se pode representar un risco sanitario. A Consellería de Medio Ambiente non ten previsto polo momento tomar medidas relacionadas con este asunto, dado que xestión ambiental do río corresponde á Confederación.

Segundo indicou Miguel López, nun tramo de oito quilómetros de río situado por enriba do referido encoro estase a rexistrar unha invasión de algas clorófitas, o que ao seu xuízo supón un risco para a vexetación e a fauna acuáticas. O químico sinalou tamén que en determinadas zonas do río están proliferando as bacterias tóxicas do tipo das cianofíceas, o que impide o baño nesas áreas e que pode ocasionar problemas sanitarios.

O profesor López afirma por outro lado que «o problema só acaba de empezar e continuará estendéndose por todo o río, augas arriba e abaixo, ao resto dos encoros». Ao seu xuízo, a proliferación de algas e bacterias débese ao incremento da turbidez das augas -principalmente a causa dos lodos procedentes das explotacións pizarreiras- e á acumulación de materia orgánica no río causada polo encoro e polos vertidos de augas residuais sen depurar. «A única solución é eliminar as causas que provocan a aparición de clorófitas e cianofíceas, é dicir, mellorar as condicións das augas dos nosos ríos», apunta.

Ultrasóns

López suxire un posible sistema para eliminar as algas clorófitas que, segundo os seus coñecementos, aínda non foi utilizado en España, pero que si se puxo en prática noutros países.

Consistiría en instalar na beira do río uns aparellos xeradores de ultrasóns que utilizan a frecuencia adecuada para destruír o citoplasma -estrutura celular- das algas. Segundo explica, estes aparellos necesitan uns 40 vatios de potencia eléctrica e poden alimentarse con células solares. Para que fixesen efecto, habería instalalos cada 200 metros nos tramos afectados pola invasión de algas.

Agora ben, o químico puntualiza que este método de eliminación masiva, alén de resultar caro, causaría unha acumulación de algas mortas que podería provocar atascos nas turbinas dos encoros. «Ademais, ao retirar os emisores de ultrasóns e non eliminar as causas que xeran o problema, regresarían», apunta.