«A xente chora cando o lembra a Alberguería»

OURENSE

O encoro de Prada acabou cunha das aldeas máis populosas de A Veiga, pero non co seu recordo

15 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

o barco | En 1959 construíuse no Concello de A Veiga o encoro de Prada. Un ano despois comezou a funcionar e as augas do río Xares asolagaron o pobo de Alberguería, que neses momentos era un dos de maior poboación do municipio. A pesar da súa desaparición, o pobo segue vivo grazas, entre outras cousas, a reunión festiva que cada ano celebran os antigos veciños da aldea e que terá lugar hoxe. Secundino Lorenzo é un dos culpables da vitalidade de Alberguería a través da completísima páxina web www.albergueria.es. El foi o encargado de agradecer ó novo alcalde de A Veiga que dera o nome do pobo ó catamarán turístico que percorrerá o encoro de Prada.

-¿É este o principio da reparación da desaparición de Alberguería?

-En principio si. É unha cousa máis. Estabamos a demandar algo, un detalle, con Alberguería. Os antigos mandatarios do Concello, do 75 para adiante, sempre nos deron de lado. O ano pasado, por exemplo, negáronnos ata a subvención de 150 euros que nos daban para a festa que faciamos. Iso nun pobo que no momento de anegarse tiña 103 veciños e en 1850 estaba por riba dos 150 veciños.

-O primeiro paso xa está dado. ¿E agora qué?

-Pensamos que estaría ben un museo subacuático. Ademais, alí, nun barrio que non quedou anegado e que se chama Oleiros, podíase facer una casa cun museo etnográfico. Alí hai campos e eu sei que hai xente do pobo que podería ceder esas terras.

-E que a xente de Alberguería non se esqueceu do pobo, ¿non é certo?

-Para nada. Tódolos anos facemos unha festa e desde o 2002 faise tamén en Arxentina, concretamente en Buenos Aires. Está pasando de cen persoas alí e de duascentas aquí. Agora, ademais, estamos a punto de ter unha asociación de amigos e veciños de Alberguería. Xa temos incluso unha bandeira, que se inaugurou o ano pasado e leva un cruz dos templarios que estaba na igrexa.

-Unha igrexa que, incomprensiblemente, está a máis de cincuenta quilómetros...

-Si, foi trasladada a Rubiá, case en Ponferrada, cando, e que me perdoen os veciños de A Veiga, podería haberse posto aquí. Era moito máis bonita a de Alberguería que a que fixeron máis tarde para A Veiga.

-¿Cómo recordan os veciños o momento do asolagamento?

-Alberguería foi un dos primeiros pobos asolagados polos encoros na provincia. Tíñase feito o de As Conchas, que tamén se fixo bastante mal, e o de Os Peares, que non afectou a ningunha poboación. Despois chegou o noso, que estivo moi afectado porque estaba practicamente a pé de presa. A xente, inda hoxe, chora cando o lembra. As forzas do orde público se portaron moi mal. Foi un momento moi duro para o pobo.