Un territorio irrepetible

GALICIA

A nación tamén se fai con palabras. A nación e o universo enteiro: a pasta da lingua, ese cemento común no que nos recoñecemos, tal que un río que vén dos avós e ha de vivificar algún día a seara dos netos. Velaquí o mundo que nos evoca a figura e a obra literaria de Méndez Ferrín. O Ferrín de Perceval e de Arrabalde do norte , a Narda de Antón e os inocentes , que descobre o amor e a morte das rías coa batalla de Dien Bien Phu de fondo; o Ferrín da cadea da rúa do Príncipe en Bretaña, Esmeraldina , e aqueloutro de O Corvo, a Figueira e a Fouce de ouro , que o levaría á cadea no 69; o Ferrín da ponte da Rocha no 63 (UPG), o da visita a Buenos Aires da que tanto gustaba Luís Seoane; o de Brais Pinto, o da espada Milmanda en Arnoia, Arnoia , o de Amor de Artur e Dosinda Areses, o de Arraianos , un dos grandes libros da nosa literatura; o autor de No ventre do silencio , coa velliña a pasear o cesto coas cabezas dos pitos polas ruelas compostelás, e o de Crónica de nós (esa parábola), e o de Estirpe , Con pólvora e magnolias , A fin dun canto , Heriberto Bens?

Hai quen di «ferrinián» coma quen di kafkián, dantesco, homérico, para connotar certos aspectos da realidade. «Isto é ferrinián». Aceptemos que tal condición só se lle recoñece aos grandes. Podemos concordar ou non con posicións concretas do cidadán, a persoa, ás veces o personaxe (nalgúns momentos Ferrín foi tamén personaxe). Cada quen ten a súa visión das cousas, a súa posición diante do mundo, a súa ideoloxía. Unha das características das sociedades modernas é a súa pluralidade, a súa complexidade. Mais dificilmente ninguén negará nin a dimensión da obra nin a afouteza dun discurso que, ao longo do tempo, non fixo máis ca agrandar.

Lembro cando lin por primeira vez un texto de Ferrín. Foi Elipsis e outras sombras , nun soto dunha pensión de Vigo. Era eu un mozote con ansias literarias, coma tantos outros. Lembro aquela lectura porque, como sucede cos grandes, había deixar marca no lector.

A intensidade do discurso e da prosa ferriniá son tan poderosos que ás veces cómpre distanciarse, mesmo para non sentirse abducido, secuestrado pola súa capacidade de expresión e evocación. Sucede outrosí con Cunqueiro. Hai autores (universos) que son irrepetibles, intentar imitalos, mesmo continualos, non só non é posible, senón que nos derrota sempre. A súa presenza á fronte da Real Academia Galega, razón á que agora se entrega, non vén máis que a confirmar o recoñecemento que todos lle temos.