Carlos Núñez: «Hai que facer do mundo a nosa casa para seguir facendo música»

La Voz

CULTURA

Carlos Núñez foi galardoado no apartado de Promoción Cultural pola súa tarefa de divulgación da cultura galega no mundo. Unha tarefa que o gaiteiro vigués recoñece como unha necesidade e na que asegura sentirse «algo pioneiro».

Núñez sinala que hai moitos anos que lle preguntaban por que traballa tanto fóra e cre que a resposta a esa pregunta é moito máis obvia agora que hai cinco ou seis anos. Explica algo da súa xeración: «Crecemos cun sistema de protección da cultura que agora está desaparecendo e para seguir facendo música temos que buscar outros mercados, porque parece que o mercado interior non vai ser suficiente». «Temos que facer do mundo a nosa casa e así é posible que os novos sigan facendo música e vivindo disto», explica o gaiteiro.

No mesmo sentido, Núñez lanza unha mensaxe de optimismo para os novos, aínda que quizais «haxa que recupera a figura do aprendiz para pasar desde os estudos aos escenarios».