Fernando Díaz-Castroverde: «A gran novela a min non me chama moito a atención»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Microbios e outros paquidermos foi a obra gañadora da quinta edición do Premio de narrativa breve Repsol.

16 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«É un libro para ler como beben os paxaros: un groliño pequeno e logo levantar a cabeza para pensar». Era a recomendación que facía onte Fina Casalderrey, voceira do xurado, sobre a obra gañadora da quinta edición do Premio de narrativa breve Repsol. O galardón, dotado con 9.000 euros e a súa publicación en Galaxia, foi para Microbios e outros paquidermos, de Fernando Díaz-Castroverde (Lugo, 1967). O xurado elixiuna entre os 39 orixinais presentados.

-¿Pasa da lírica a narrativa?

-É a primeira vez que escribo un libro de narrativa. Este premio é un pouco diferente e como é unha obra de microrrelatos, algo diferente, decidín presentalo. Ao non dedicarme a narrativa non sabía avaliarme, non sabía cal era o meu teito. Tiña esperanza, pero foi unha sorpresa.

-¿Teñen relación estes textos?

-É un conxunto de microrrelatos, uns 120, de cinco a oito líneas, algún de 20. Cada un leva título, que é importante, e estrutura independente. Son reflexións sobre diversas cousas, as veces tamén críticas.

-Tamén a ironía, di o xurado.

-Si, porque tes limitado o espazo e tes que xogar con elementos que se saen do textual, que o lector acabe de interpretalos. Veño da poesía e este xénero ten certas concomitancias coa poesía. A gran novela non me chama moito a atención, prefiro unha cousa máis breve. Na literatura galega non hai tantos exemplos de microrrelatos, é un camiño menos trillado, máis despexado e por iso me decidín por el.