Fiandola inspírase na tradición e a literatura galegas no seu novo disco, «Mimá»

redacción / la voz

CULTURA

Cunha estética postal inspirada na emigración, o novo álbum percorre diversas manifestacións que dan fe da variedade que se atopa na tradición musical galega.

14 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Seis anos despois da publicación de Bricania, Fiandola publica un novo álbum, Mimá, no que o grupo segue a investigar na música de raíz galega para ofrecer doce temas, dos que nove son de procedencia tradicional e os tres restantes son composicións actuais.

Cunha estética postal inspirada na emigración -cunha carta dun emigrante/viaxeiro que introduce as cancións- Mimá percorre diversas manifestacións que dan fe da variedade que se atopa na tradición musical galega. Un exemplo é O Turito, unha peza que se interpretaba cun pífano e un tambor como acompañamento do muñidor da Confraría da Purísima Concepción de Betanzos, mentres percorría a vila os días 7 e 8 de Nadal para informar dos actos dos que se ían celebrar.

A amora ten a súa base no álbum homónimo de Anxos Garabana e Óscar Villán, con música de Alberto Barreiro Warren, un dos compoñentes do grupo e que na gravación de Mimá canta e toca o acordeón, xunto con Manolo Cobas (bombo-chis, prato e voz), Cris Sánchez (voz, clarinete, pandeireta e pandeira), Sandro Sotelo (tambor, caixa e prato), Fran López (frauta traveseira, frautín, saxo soprano e voz) e Santi Budiño (gaita e voz).