Ferrín reclama que a RAG se equipare ás outras academias

rODRI gARCÍa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O presidente advirte de «enormes» diferenzas no seu financiamento

20 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Magnolias de Miguel Cortizo para Méndez Ferrín: «En realidade, o que máis me gusta é a poesía do presidente da Academia; paréceme un bo presidente, pero un mellor poeta. Creo que temos, e non xoguen coas siglas, un presidente poeta». Resposta agarimosa do aludido: «E un delegado do Goberno brillante». As declaracións tiñan lugar no mediodía de onte na renovada entrada da Real Academia Galega, que foi visitada oficialmente por Miguel Cortizo.

Máis magnolias: «Síntome moi honrado en recibir ao delegado do Goberno; mantemos unha relación cordial con esta institución, ten que ser así», dicía Ferrín.

E Cortizo respondía: «Eu estou moi satisfeito. O traballo da Academia fala por si solo, non teño nada que dicir. Eu comprometo o apoio do Goberno ao traballo da Academia e todo o que se poida axudar non é mais que un recoñecemento ás súas necesidades e o seu traballo».

Logo viñeron as dúbidas: todo está moi ben, pero «haberá algo que pedir, algo sobre os cartos, a sede, ou ¿xa está todo resolto?», preguntou unha xornalista.

«Nunca son suficientes os cartos. ¿A que si?», sentenciaba o delegado do Goberno, dirixíndose ao presidente da RAG.

Chegou a pólvora

Acabáronse as magnolias e chegou a pólvora de Méndez Ferrín: «Non, pero de todas maneiras a discriminación que existía con respecto á Academia Galega no que se refire aos Presupuestos Generales del Estado, que é o que lle pertence ao delegado, esa discriminación brutal, case ignominiosa, foi subsanada nos anteriores Presupuestos Generales do Estado».

«De todas maneiras -continuou Ferrín- a diferenza entre o que percibe a Academia Galega e o que perciben a vasca e o Instituto de Estudios Cataláns, e xa non digamos a Academia Española, segue sendo enorme e ten que ser acurtada esa diferenza; iso é o que sostemos publicamente e que o mellor pedimos ao delegado». Pero non foi preciso nin facer a petición formal porque chegou a inmediata resposta de Cortizo: «Nesa batalla imos estar xuntos. Vou defender o que el ten dito [dixo, indicando a Ferrín], non me atrevería a outra cousa [bromeou]».

Despois volveron as magnolias durante o percorrido polas distintas dependencias da Academia, no que estiveron presentes tanto o seu secretario, Xosé Luís Axeitos, como varios académicos de número. Méndez Ferrín agasallou a Miguel Cortizo con algunhas publicacións da Academia e o delegado do Goberno asinou no libro da institución.