Onte, outro 21 de abril, a Real Academia Galega volveu a Mondoñedo para celebrar una sesión extraordinaria dedicada integramente ao autor do Merlín.
22 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Hai medio século (en 1961) Álvaro Cunqueiro foi elixido membro da Real Academia Galega e onte, 21 de abril, fixo 48 que lera no mindoniense Seminario de Santa Catalina o seu discurso de ingreso, titulado Tesouros novos e vellos, ao que lle deu resposta daquela o seu amigo Fernández del Riego.
Onte, outro 21 de abril, a Real Academia Galega volveu a Mondoñedo para celebrar una sesión extraordinaria dedicada integramente ao autor do Merlín. Os membros da corporación, co seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, á fronte, foron recibidos no Concello polo alcalde, Orlando González. Rematado o acto protocolario trasladáronse todos ao auditorio municipal da Alcántara, moi preto do bosque de Silva, para desenvolver a sesión.
Cinco académicos, Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Euloxio Rodríguez Ruibal, Víctor Freixanes e Francisco Fernández Rei, encargáronse no acto de afondar na figura e na obra do escritor mindoniense. Ledo falou do Cunqueiro xornalista e articulista; Cabana, da súa poesía, que cualificou así: «Unha das máis grandes aventuras que lle pasaron á nosa lingua, e unha das máis fermosas e conmovedoras poesías que nos sexa dado ler en calquera lingua». E entre todas, as da súa madurez, as do Cunqueiro melancólico e triste que, dixo, «nunca puido disimular de todo a súa cultivada imaxe de bon vivant, de gastrónomo ou delicado bebedor, de home de mundo e grandes relacións».
Euloxio Rodríguez Ruibal achegouse á creación dramática, ao Cunqueiro que gustaba de meter a ficción dentro da ficción, o soño dentro do soño, o que xogaba entre a narración e o teatro, entre a vida e o teatro, un dos innovadores do teatro do século pasado.
E do teatro á narrativa, da man de Víctor Freixanes, para quen despois da obra de Cunqueiro «nada volve ser igual». Sinalou que en quince anos, dende 1955 con Merlín e Familia, ata 1971, con Xente de aquí e de acolá, Cunqueiro escribiu e publicou algúns dos títulos fundamentais da nosa literatura. «Unha obra de coherencia interna poderosa e orixinal», dixo Freixanes, destacando dous aspectos: o tratamento da realidade, o diálogo que soubo establecer entre o propio e o universal; e a lingua como paisaxe, como atmosfera, territorio e personaxe. Fernández Rei, pola súa banda, recordou ao Cunqueiro que vía na súa infancia catando albariño en Cambados cada verán. Falou da presenza do mar na súa obra e na terminoloxía que utilizaba.
Pechou as intervencións Méndez Ferrín, referíndose ao escritor «como un dos cumios das nosas letras, un escritor que foi poeta, que lle ofreceu ao teatro a oportunidade de reinventarse, que contou historias orixinais e vellas historias, que abriu unha porta da cultura gastronómica, un dos escritores más apreciados por amplas masas culturais do que recordou aquelas cinco palabras: Mil primaveras máis para Galicia».