Diego Ameixeiras gaña na categoría de Libro do Ano coa súa intriga sobre o BNG

B. ANTÓN FERROL / LA VOZ

CULTURA

03 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Víctor Freixanes non foi o único protagonista na vixésima edición dos Premios Irmandade do Libro. A gran festa do gremio dos libreiros tamén quixo recoñecer o talento doutro escritor do país, Diego Ameixeiras, que gañou na categoría de Libro do Ano 2010 coa súa novela Asasinato no Consello Nacional (Edicións Xerais), unha intriga de carácter político ambientada no BNG, que conseguiu esgotar a súa primeira edición só unha semana despois de chegar ás librerías.

Aínda que Amexeiras non puido acudir a recoller o premio por atoparse de viaxe en Moscú, a súa figura de bronce non ficou en Narón. En nome do gañador, encargouse de recollela Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.

Ademais, durante a velada celebrada onte no Hotel Husa Odeón de Narón, a Federación de Libreiros de Galicia tamén recoñeceu o traballo doutras institucións. A colección Di-Versos, de Edicións Positivas, levouse o premio Irmandade do Libro na categoría de Obra Editorial do 2010, mentres que no apartado de Institucións o galardón foi para a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), e na modalidade de Fomento da Lectura, a triunfadora foi a Fundación Neira Vilas de Gres, en Vila de Cruces. Ademais, o certame tamén contemplaba unha categoría dedicada as librerías, na que resultou vencedora Aenea, de Santiago, e outra reservada para centros educativos, na que gañou o instituto Xesús Taboada Chivite de Verín.

Os únicos premios que teñen dotación económica (2.000 euros cada un) son os das categorías de Fomento da Lectura e Centros Educativos.