As editoriais recuperan a obra de Lois Pereiro cara ao Día das Letras

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Ouvirmos repasa o álbum de fotos familiar do poeta e antologa a música realizada sobre as súas letras

28 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A obra de Lois Pereiro non vai descansar en paz no 2011, no que protagonizará o Día das Letras Galegas que lle dedica a Academia. Remata o ano Novoneyra e comeza o de Pereiro, porque o Día converteuse nunha celebración anual que contra finais de decembro xa ofrece as primeiras novidades no catálogo editorial.

Para inaugurar o exercicio Pereiro xa volveron ás librerías os dous poemarios que forman o centro da súa obra, editados por Positivas: Poemas 1981-199 1 e Poesía última e amor e enfermidad e. A mesma editorial publicará nestes días o inédito máis substancial do autor monfortino, Conversa ultramarina , un diario epistolar que o escritor monfortino dirixiu a Piedad Cabo, naquela altura nos Estados Unidos. Os dous primeiros forman xunto co libro que reeditará Espiral Maior nos primeiros meses do 2011, Poemas a unha loia , a obra poética que se pode considerar completa e que o autor foi reunindo en libros despois de curala da dispersión por revistas.

No primeiro dos casos, Lois Pereiro recoñeceu que aquel poemario, que recollía unha década de versos, marcara unha certa diferenza respecto a unha literatura que el entendía «moi profesoral». Admitía que a diferenza daquel libro viña en parte marcada por unha linguaxe, pero tamén por unha estética que tamén era inusual na poesía da época.

Nesa diferenza van incidir unha grande parte dos libros que reflexionen sobre Pereiro. Dous deles, por conta de Antón Patiño. O primeiro, xa publicado baixo o título Radiografía do abismo, é un ensaio sobre a súa obra que explica a súa perspectiva como unha porta xiratoria que pode levar a un espazo ou a outro. O segundo, que se publicará en breve, será un Dicionario de sombras, no que Patiño explica os territorios polos que transitou o escritor, para que os lectores poidan orientarse no luar poético e vital que ocupou o escritor con relación ao seu tempo. Espiral Maior completará a oferta cun libro homenaxe no que participarán escritores e artistas de varias xeracións.