Ferrín lembrou que a revista publicada a partir de 1920 supuxo «unha liberación que estamos a conmemorar»
31 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Da man dun ourensán nado na rúa de Reza, a escasos metros da Deputación de Ourense e de onde se xestou todo o proxecto da revista e a xeración á que lle deu nome, a Real Academia Galega celebrou onte a súa primeira sesión extraordinaria na cidade para render homenaxe e lembrar á Xeración Nós e a publicación que vía a luz en Ourense en 1920: a revista Nós .
No pazo provincial, o presidente da Real Academia Galega lembrou ante os seus compañeiros de institución e o público asistente os seus anos de rapaz -«que naceu 18 despois da data que hoxe estamos a conmemorar»-, a amizade de seu pai con Arturo Noguerol -«fusilado logo nun Ferrol que xa empezaba a ser do Caudillo»- ou a súa condición de privilexiado estudante que tivo «como mestre no oficio de pensar a don Ramón Otero Pedrayo».
Ante un salón nobre da Deputación cheo de público e académicos, Méndez Ferrín recoñeceu «que a este presidente fáiselle difícil reflexionar con distanciamento por estar afectado nos sentimentos» e defendeu a necesidade de «revisar tópicos» cando se cita á revista Nós e este movemento como a etapa fundacional da renovación da literatura galega. Lembrou antecedentes como a publicación en galego por Fernández Neira en 1810 na Coruña; o proxecto xornalístico de O Tío Marcos da Portela, liderado por Valentín Lamas Carvajal en Ourense, e figuras como a de Xavier Prado Lameiro -que Ferrín considera que «debe ser revisitada e recuperada»-.
Situou o presidente da Academia á cidade de Ourense no cerne do movemento literario e cultural galego «xa dende a época dun xove Curros Enríquez» e o seu episodio coa xerarquía da igrexa católica, pasando «por Valentín Lamas Carvajal e o seu Catecismo do labrego, o libro máis vendido e traducido [xunto a Memorias dun neno labrego ]»; Heraclio Pérez Placer, «coñecido como o Zola galego polas súas licencias eróticas na escrita», ou Francisco Álvarez de Nóvoa, que co seu «Pé das Burgas situou a literatura galega no seu gusto cosmopolita e afrancesado». É daquela, con esta contradición e estilos contrapostos, «e en Ourense cando o noso sistema literario se fai maduro e amosa as súas contradicións».
«La Centuria» e Losada
No Ourense dos anos dez do pasado século uns mozos chamados Otero, Risco e Cuevillas eran conscientes da necesidade de «renovar a literatura» e promoveron a revista La Centuria (1917). Logo do chamamento de Vilar Ponte «en 1916 en defensa do nacionalismo e da recuperación do idioma», aqueles mozos de Ourense -«a cidade perfecta da pequena burguesía»-, aqueles intelectuais, ingresan nas Irmandades da Fala e encetan a «conversión radical e plena. Losada Diéguez é quen anima o escenario ourensán na súa evolución cara a esta nova etapa, á que logo se suman Castelao, Viqueira e Vilar Ponte». Ferrín lembrou que « Nós naceu para construír a cultura; rompe e conecta Galicia co universo sen pagar alfándega -no primeiro número xa se rexeitaba a tutela de Madrid- e precisamente ese movemento de liberación é o que estamos a celebrar hoxe aquí».