«Fanme graza as etiquetas como a de 'jóvenes poetas', eu teño 34 anos e tardei en publicar»
CULTURA
A escritora e bailarina luguesa afincada en Compostela, participa esta tarde en Madrid na lectura de poemas xunto coas outras cinco gañadoras do certame poético La Voz+Joven
27 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A escritora e bailarina Branca Novoneyra, luguesa afincada en Compostela, participa esta tarde en Madrid na lectura de poemas xunto coas outras cinco gañadoras do certame poético La Voz+Joven, que convoca La Casa Encendida. Comparte o galardón con Anna Hernández-Turné, Ruth Miguel, Ana Gorria, Sofía Castañón e Luci Romero.
-Recibe este premio polo seu primeiro poemario.
-Este premio é importante porque La Casa Encendida é un referente cultural. Decidín presentar unha pequena selección do libro Dentro do Labirinto , que publicou hai un ano Espiral Maior, e enviei uns 75 versos en galego e traducidos ao castelán. É un premio sen dotación, pero preséntase moita xente porque acadou moito prestixio debido a que difunden a túa obra nun libro, e logo cólgano na súa web. A partir diso van saíndo cousas, propostas de editoriais de fóra e, sobre todo, contactos con outra xente.
-¿Chegaron xa esas consecuencias?
-Si. Pedíronme participar nun proxecto dunha editorial que se chama El Gaviero que coordina a poeta, actriz e cantante Maite Dono. Vai sacar un almanaque cun poeta para cada mes, neste caso con poemas inéditos.
-¿Que opina das etiquetas como a de «para jóvenes poetas»?
-Fanme moita graza, porque eu teño 34 anos e tardei en publicar. Semella que hai que telo todo moi claro dende moi nova e que despois non hai nada que facer. Eu tardei moito en publicar, e paréceme positivo, porque ten que chegar o punto no que digas agora teño algo que contar.