Víctor Aneiros rende homenaxe ao universo lírico de Ramiro Fonte

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

02 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O que vai ser o quinto disco do bluesman ferrolán Víctor Aneiros, o cedé Brétemas na memoria, que se presentará mañá en Arteria Noroeste, en Santiago, nace coa intención de ser, ante todo, un emocionado tributo ao universo lírico de Ramiro Fonte. «Este novo traballo meu, o terceiro dos cantados integramente en galego -explicaba onte Víctor-, é unha homenaxe ao universo poético de Ramiro, un dos grandes poetas contemporáneos da lingua galega e autor polo que teño unha gran admiración, e do que xa incluíra un texto no meu anterior disco».

«Ramiro era un poeta urbano -engade Aneiros-, e iso foi o que máis atractivo me resultou á hora de adaptar os seus textos; nesta ocasión póñolles música a sete dos seus poemas, que se poderían encadrar, todos eles, dentro da súa primeira época». Poemas como Vida bohemia, no que Fonte, agora a través da voz de Víctor Aneiros e «falando en lingua corsaria», volverá proclamar a súa añoranza da noite, esa tan «traidora compañeira»: «Lunáticas tabernas, náufragos camarotes, hoxe vides a min, que xa non trasnoitaba...». Tamén estará no disco Un tute á morte . E, á parte dese poema, tamén outros como Lupanar de cristal , Máis alá ou Sombras de Compostela . Pezas coas que, en palabras do bluesman , «calquera atopará empatía», porque «rozan a perfección».

A colaboración de Caneiro

Pero ademais dos poemas de Ramiro Fonte, o disco contará coa colaboración de Xosé Carlos Caneiro, que escribiu unha letra expresamente para o novo cedé de Aneiros. Amigo persoal de Caneiro, o músico empezou a interesarse pola súa escritura a través dos seus artigos de La Voz. Desde aí -conta Aneiros- pasou á súa literatura, e a continuación naceu a amizade entre os dous. Unha amizade que dá os seus primeiros froitos artísticos nesta colaboración.

O resultado de tanto traballo deixou a Víctor Aneiros francamente satisfeito. «No apartado musical -comenta- contei coas colaboracións do guitarrista Javier Vargas, máximo expoñente do blues nacional; tamén coa de Mauri Sanchis, virtuoso do órgano Hammond cunha prometedora carreira en solitario, que tocou ou gravou con estrelas da talla de Raimundo Amador, Kepa Junkera, Randi Brecker, Poppa Chubby ou o saxofonista Bill Evans; e no apartado de músicos galegos, ademais dos que xa me acompañan habitualmente, incorporei a este proxecto -comenta, por último, Víctor Aneiros- unha sección de metais liderada polo saxofonista Roberto Somoza».