Liberado das cadeas de Malamadre, o actor prepara unha película de suspense ?con Balagueró e rexeita participar en películas como «Two Fast, Two Furious»
18 may 2010 . Actualizado a las 17:53 h.Malamadre morreu. Pero Luís Tosar non está de loito. Sinala que vai ser difícil que se dea outra película como Celda 211, aínda que considera que é tempo xa «para o resto das cousas». No resto está máis cine con personaxes ben lonxe dos heroes, está a música con The Ellas e está o teatro, o teatro galego para ser exactos.
-¿Cantos guións está estudando agora mesmo?
-Estudar, estudar agora mesmo só un, a película na que comezo a traballar en xuño con Jaume Balagueró, Mientras duermes, e que é un filme de suspense máis que de terror.
-¿Volve tocar facer de malo?
-É un personaxe que non é nada sofisticado dende o punto de vista de como opera. Non é como Seven; supoño que lle gustaría, pero é moito máis doméstico. É un porteiro de edificio e vai escollendo pequenas vítimas como resultado dunha obsesión.
-¿Non ten medo ao encasillamento como malo oficial?
-Vou tendo sorte coas películas e cos directores. Porque na anterior película que rodei, También la lluvia, de Icíar Bollaín, o meu papel non ten nada que ver con iso. Digamos que é un cínico pero ao longo da historia vai cambiando para ben. É un produtor que vai mudando a súa perspectiva e a película quere ser crítica con quen fai cinema social, pero non predica co exemplo nas súas rodaxes.
-Sen ir tanto atrás, o papel en «Casual Day» era de malo contemporáneo.
-Con películas como Casual Day sucede que non teñen tanto percorrido e que os espectadores non a teñen como referencia. Dende Celda 211 pásame que hai moita xente que pensa que é a miña primeira película. Así que non me preocupa moito ese posible encasillamento porque vexo que o público non o entende así. Quizais algo na xente da industria, pero non é igual. De feito alguén me ten dito que unha vez que viu Celda buscou algunha película anterior miña. Por outro lado son personaxes que son moito máis divertidos. Os protagonistas son moi aburridos. Eses personaxes que son tipos rectos, que teñen que guiar a historia, cando leo o guión sempre me digo que non apetecen. Pero se les os secundarios, resultan máis apetecibles.
-Tendo en conta esas circunstancias, ¿dálle tempo a planificar, a escoller os traballos?
-Non, non. Podo planificar o traballo que teño para este ano. Que é máis ou menos o que fixen, pero de aí para adiante, para o ano próximo nin idea. Tampouco querería firmar agora cousas que realmente están nun estado moi embrionario porque igual acabas nunha cousa que non ten nome.
-¿Séntese presionado polo éxito de «Celda 211» e por se pode repetirse unha experiencia así?
-Eu interpreto e creo que todos os que estabamos no equipo de Celda interpretan que había que disfrutar dese momento porque un éxito así rara vez se produce. Non busco que se repita e salta á vista que esas cousas non suceden con frecuencia. Asustoume un pouco que algunha xente me dixese pola rúa que para o ano tiña que facer outra así porque vexo iso moi difícil. Tamén hai que ser consciente de a que público van dirixidas as obras.
-¿Aínda non lle ofreceron ser chico Almodóvar?
-Tiven unha experiencia de encontro con Almodóvar cando el preparaba La mala educación. Fixemos unha lectura de guión na súa casa, eu tiña que facer un dos sacerdotes, pero non nos acabamos de entender. Non houbo feeling nese momento, e non sei se algunha vez o haberá. Os dous tivemos claro que non funcionaba ben.
-Notou un cambio de como o tratan os directores dende hai tres ou catro anos para acá.
-A verdade é que si. Quizais agora escoitan un pouco máis, aínda que segue habendo xente que non escoita nada do que lle digan. Notei máis o cambio nas reunións cando vas falar da película antes de facela que están como esperando que eu diga algunha xenialidade e logo decepciónanse, claro, porque non a digo.
-Porque esperan que chegue con ideas do personaxe que lle propoñen.
-Claro, pero eu non tomo notas dos guións, nin fago ese traballo ata que estou medianamente metido no personaxe. Eu son de traballo moi inmediato, non empezo a ter ideas decentes sobre un personaxe ata que o teño algo interiorizado. En realidade eu traballo moito na casa cos meus personaxes, antes da rodaxe, e por aí vou investigando que podo facer con eles. Cara onde deben tirar e tamén busco algunhas alternativas por se logo na rodaxe, onde hai que tomar algunhas decisións non esperadas, hai que buscarlle outra dirección. Se tes a sorte de ter tempo para currar co director, entón é máis fácil porque tes unha guía para facer a aproximación ao personaxe.
-¿Despois de facer «Miami Vice», tivo novas ofertas dende Hollywood?
-Tiven algunhas, pero nin pregunto canto pagan. As máis delas eran para facer de narco colombiano e non quixen. Tamén me ofrecen papeis de malote en pelis nunha das secuelas de Two Fast, Two Furious. E tamén me ofreceron traballar na nova produción de Piratas del Caribe e tería dito que si, pero creo que están rodando nestes días e non podía. Tiña que facer de pirata español, neste caso porque a protagonista feminina vai ser Penélope Cruz e buscaron actores españois para completar a tripulación. Traballar con Mann ou con Jim Jarmusch para min case era un traballo de fan deses directores. Pero logo chegan moitas ofertas sen interese porque cando hai un éxito en Europa os norteamericanos sempre están atentos para botar redes e ver se lles funciona a eles.