«A literatura de viaxes naceu para ver como chegar a Galicia», sostivo Miguel Anxo Murado no Encontro Cidade da Coruña

CULTURA

A maneira de chegar a Galicia por parte dos peregrinos que viñan a Santiago deu lugar a unha literatura de viaxes que forma parte da narrativa de ficción, marcada pola nostalxia, «non do lugar do que vén, senón de coñecer o sitio ao que se chega», e que sendo de ficción acabou creando realidades. Foron algunhas afirmacións de Miguel Anxo Murado na súa intervención de onte no Encontro Cidade da Coruña, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Concellería de Cultura. Presentado por Mercedes Queixas, vicepresidenta da AELG, Murado confesou ante o público que enchía o salón de actos da Real Academia Galega a súa admiración polo mapa de Fontán, colgado na sala, e afirmou que posiblemente «Fontán chegou a coñecer a todos os galegos», e asegurou que esa «si que é unha historia de viaxes sen escribir».

A amena e documentada intervención de Murado levaba por título Inventar un lugar en vez dunha historia e nela o colaborador de La Voz de Galicia preguntouse si tiña sentido a literatura de viaxes «cando todo o mundo viaxa». Deu unha resposta positiva para logo desmontar de maneira documentada e divertida algúns mitos como o libro de viaxes de Marco Polo, «que posiblemente foi escrito por unha persoa que nin o coñecía», asegurando que é «un libro bastante aburrido» e no que chama a atención que non cite a muralla china.

Sobre a creación de realidades por parte da literatura de ficción lembrou que un dos libros que levaba Colón era o de Marco Polo e que no mesmo anotou: «Estou completamente seguro de que o que chamamos Cuba é Xapón». Neste senso, detallou a que chamou «a invención de América» e despois a de Europa tamén a partires das viaxes.