Xavier López Rodríguez presenta «Hai que ir morrendo», unha obra «sobre a vida»

CULTURA

29 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor Xavier López Rodríguez (San Ciprián de Hermisende, Zamora, 1956) presenta esta tarde en Santiago a súa novela Hai que ir morrendo, un libro que, malia o seu título, «trata en realidade sobre a vida», en palabras do autor.

«Esta historia xorde da miña consideración persoal de que á morte se lle dá un tratamento no que sobra solemnidade e falta naturalidade», explica López Rodríguez. É por iso polo que o protagonista da obra, un home de mediana idade, narra en primeira persoa e en ton de humor as posibles formas das que imaxina que podería morrer cando chegue a ancián. «É futurista no sentido de que aínda non é vello, pero si que concibe a chegada da morte cando xa o é. Non se trata de deixar un bonito cadáver, senón que se plantea a morte por unha vía natural e despois de ter gozado da vida», salienta.

O autor recoñece que a novela é autobiográfica «na parte que mira cara ao pasado». En canto á que olla ao futuro do protagonista, trátase de proxeccións con ánimo de desdramatizar. «Quero transmitir a idea de que a morte vai vir, e que xa que ten que vir, que veña», di.

«O mellor que se lles pode deixar aos que quedan é un testamento de risas, por iso esta novela xorde coma un divertimento, aínda que pareza estraño polo tema que trata», comenta. O autor matiza que esa desdramatización só é posible se, como é o caso, se fala de persoas de avanzada idade. «Non pretendo rir da morte, porque é un tema delicado. E menos cando se trata de mozos, aí si que me resultaría imposible», sinala.

Sobre o título, recoñece que esta non era a súa primeira opción. «Tiña un máis plano, pero un amigo suxeriume este, que resume mellor o que quería expresar», conta. «É unha das memorias pasadas que se mencionan -di en referencia ao cántico que se dedicaba ao ex presidente Manuel Fraga nas manifestacións do Prestige, como lembra no libro-, pero ademais teño entendido que é un saúdo habitual de despedida, coa típica retranca galega», conclúe.