Fernando de Casas, o arquitecto compostelán de máis impacto visual

C.?P.

CULTURA

A obra, coeditada polo Consorcio e Nigratrea, é parte da tese doutoral do profesor monfortino Alberto Fernández

31 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O arquitecto Fernando de Casas e Novoa (1682-1749) deixou o maior impacto visual de cantos traballaron ao longo da historia na catedral de Santiago e na cidade coa súa intervención na fachada barroca do Obradoiro, emblema universal da basílica e logotipo oficial do Concello compostelán.

Un libro coeditado polo Consorcio de Santiago e a editorial Nigratrea analiza todas as intervencións realizadas en Santiago por este mestre de obras da catedral ao longo de 38 anos, cargo no que sucedeu a Domingo de Andrade. O autor da obra é o monfortino Alberto Fernández González, que reúne nela a biografía de Fernando de Casas e a súa obra na catedral, nos mosteiros e conventos e no resto da cidade de Compostela. A fonte é a tese coa que se doutorou na Universidade de Santiago, dirixida por Andrés Rosende.

Entre os achados de Alberto Fernández destaca o de clarificar que Fernando de Casas non naceu en Santiago, malia que se pensaba que era así pola súa ligazón coa parroquia de San Miguel dos Ogros. De aí era súa nai. Pero el naceu en Santa Eulalia de Senra, no actual concello de Oroso, de onde era seu pai. Pero desenvolveu toda a súa vida en Santiago, onde casou con María Rosa Vázquez Navarrete e tivo cinco fillos, dos que o único varón, Nicolás Ambrosio, estudou Dereito na Universidade compostelá e exerceu de avogado nesta cidade e na Real Audiencia da Coruña.

Fernando de Casas non se formou academicamente, pero posuía un nivel de coñecemento técnico e unha cultura que o converteu nun personaxe indispensable non só para o cabildo compostelán, senón noutras cidades de Galicia, nomeadamente en Lugo, onte deseñou e dirixiu a obra da capela da catedral lucense da Virxe dos Ollos Grandes, que Alberto Fernández destaca despois da fachada barroca da catedral e os retablos de San Martín Pinario, no que tamén foi mestre de obras.

De Casas y Novoa son tamén a capela do Pilar e o retablo da da Azucena, ambas na catedral, a igrexa do convento de Belvís; a capela da Orde Terceira de San Francisco; a Casa da Conga, na Quintana, e a Casa de Praterías derrubada para construír o edificio do antigo Banco de España, así como a culminación de numerosos proxectos. A fachada do Obradoiro estaba case remata cando faleceu.