A UNED inviste a Alonso Montero como doctor honoris causa

La Voz

CULTURA

O profesor Xesús Alonso Montero será investido esta mañá en Madrid doutor honoris causa pola UNED nun acto promovido pola Facultad de Filología no que se pretenden recoñecer todas as linguas cooficiais do Estado español. Xunto co profesor galego serán investidos o catalán Antoni M. Badia i Margarit, o vasco Jean Haritschelhar Duhalde que procede do País Vasco francés, e o estudoso da lingua española Humberto López Morales.

Segundo Alonso Montero, é unha investidura especialmente significativa porque «leva implícito un respaldo a todas as linguas e ao seu estudo». Montero fixo notar que na UNED todas estas linguas forman parte dos programas de Filoloxía e que nun momento «no que hai problemas arredor das linguas esta universidade dá un claro respaldo ao seu estudo e ao seu coñecemento».

No mesmo sentido, a UNED celebra hoxe o seu día cun concerto no que participan músicos nas catro linguas do estado. Participará María del Mar Bonet, que cantará en catalán; Rúper Ordorika, en vasco; Luis Ramiro, que o fará en castelán, e a representación galega protagonizada por Uxía e o guitarrista Sergio Tannus.