«As novelas non acaban nunca, sempre queda un fío para tirar»

M. Rodríguez

OURENSE CIUDAD

O autor de «Agosto do 36», «Os últimos fuxidos» e «Tempo ?de centeo» pensa que as tres obras amosan a guerra en Galicia

13 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Ten unha vida para facer unha película», dicía un profesor da Universidade de Santiago de Xosé Fernández Ferreiro. Non lle faltaba razón e cada conversa co autor da primeira novela de vaqueiros en galego (A morte de Frank González) confirma o dito. Un exemplo: antes de marchar a Madrid, no ano 1954, para estudar Periodismo (traballou en La Noche, El Correo Gallego e La Voz de Galicia) estivera recollendo cantigas e ditos dos afiadores da súa terra, Nogueira de Ramuín, en Ourense; tanto eses textos como a súa primeira novela escrita en galego («nunca se publicou, era moi mala», sentencia) quedaron na casa dun parente e despois de dez anos en Madrid deunos por perdidos. «Hai pouco tempo que volvín á aldea, fun á corte, a un pendello que había onde se gardaban as patacas e alí, nunha caixa, estaban a novela e as cantigas; ¿quen carallo as puxo alí?», se pregunta aínda. De todos os xeitos, no que estará ocupado hoxe e mañá Fernández Ferreiro é na homenaxe que recibirá na súa terra.

-¿Como leva a homenaxe?

-As homenaxes póñenme un pouco nervioso, ao mellor por inmerecidas, porque hai outra xente que as merece máis.

-¿Por que fixo aquela novela de vaqueiros?

-Publicouse en 1975 e con ela trataba de achegarme á literatura popular porque entón se facía unha literatura demasiado rebuscada; por iso pensei en facer unha obra máis popular. Falouse moito dese libro, pero a verdade é que se vendeu pouco: fixéronse tres edicións.

-¿Cantos libros ten publicados ata agora?

-Dezaseis novelas e dous libros de poemas.

-¿Cando fixo poesía?

-Todos empezamos por aí.

-¿E a novela de máis éxito?

-Foi a que gañou o Premio Xerais, Agosto do 36. Forma parte dunha triloxía con Os últimos fuxidos e a que saíu agora de Tempo de centeo [as dúas en Xerais]. Na primeira fálase dos paseos , dos que mataban nas cunetas; na segunda, dos últimos fuxidos que chegaron ata o ano 50, e a última é a da posguerra, os tempos da fame e das cartillas de racionamento. Ler as tres permite coñecer o que pasou na guerra en Galicia. Teño a esperanza de que antes de que eu morra se publique a triloxía, corrixida e aumentada, como se di, porque as novelas non se acaban nunca, sempre queda un fío para tirar.

-A asociación Monte Blanco, de Ponteceso, xuntara de novo o grupo Brais Pinto. ¿Que é dese grupo literario?

-Xuntámonos en Santiago de vez en cando e o certo é que formamos parte da historia da literatura galega; aí hai moita xente e moi boa, o que pasa é que non se lle dá importancia.

-¿Que foi dos afiadores da súa terra?

-¡Xa non quedan! Os verdadeiros afiadores están nos cemiterios. Hoxe ninguén quere ser afiador e iso que era un bo oficio, gañaban cartos.

-¿E que pasou co barallete?

-A xente xa non sabe barallete, esa lingua que falaban os afiadores entre si para que non entendesen o que dicían.

-¿Perdeuse?

-Non, foi recollido por Ben Cho Sei, pero xa non se fala.