«En Galicia deberían estar publicando moitos máis autores de cómic»

Ángel Varela

CULTURA

27 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O cómic galego leva dez anos vivindo unha realidade que a finais dos oitenta parecía unha utopía. Polo menos dez creadores de Galicia editan obra con asiduidade, sexa por encargo de editoriais norteamericanas míticas como Marvel, ou proxectos de autor. Miguelanxo Prado -o pai deste fenómeno e un clásico de nivel internacional no mundo da viñeta desde hai vinte anos- e David Rubín -un dos autores galegos máis premiados a pesar da súa xuventude, e que tanto dirixe películas de animación como Espírito do bosque , funda colectivos como Polaqia ou publica álbums. de éxito- xúntanse para analizar o momento dun sector que, segundo os seus propios argumentos, tras a creación dunha importante canteira necesita de máis edición de obras.

Pregunta. Bum e cómic galego fixéronse case sinónimos nos últimos tempos. Miguelanxo Prado. A min cóllesme en mala época respecto a ese tema. David sabe que para min foi unha auténtica alegría e un orgullo ver que hai dez anos de súpeto había materia prima: moita xente estaba emerxendo e con ganas de facer cousas. Eu fun o primeiro en falar desta idade de ouro. Pero o que pasa é que despois de dez anos, obra temos moi pouca.

P. Pero en cambio hai un gran número de autores. M. P. Pero iso está moi ben cando está arrancando a máquina. É como se en fútbol base tes cen rapaces. Se ao cabo de dez anos resulta que unha maioría seguen movéndose no fútbol base en plan 'vou facer'.... David Rubín. Eu aí penso o mesmo. O problema é que nestes últimos anos, nos que se lle dou cancha ao tema do cómic, primouse máis a cantidade que outras cousas. Si que hai moitos autores en activo en fanzines ou revistas, pero facendo libros, sexa novela gráfica ou cómic-book, como moito chegamos á decena agora mesmo. De todos modos non é unha mala cifra. M.?P. Non, a min paréceme sensacional que haxa dez nomes producindo, sobre todo porque é unha obra moi diversificada: hai xente facendo superheroes, cómic de autor, historieta intimista... Pero claro, esas cifras, que non son malas, son un pouco decepcionantes, porque estou convencido de que poderían estar editando moitos máis nomes. Durante un tempo botámoslle a culpa aos editores, en plan de que non había medios para editar. Aí por exemplo foi moi importante o fenómeno da revista Golfiño ... Pero hai moitísimos autores desaparecidos. Eu entendo que o cómic é difícil, porque é unha das actividades artísticas que máis tempo consome. Desde o momento que empezas a traballar nunha historia ata que acabas pasan meses e meses. Ademais non o podes resolver como na narrativa, que chegas a casa despois do traballos e escribes un par de horas... Eu non son capaz. D.?R. Eu por exemplo fago traballo partido. Estou nunha produtora audiovisual e ao mesmo tempo fago os meus tebeos. Pero son un caso raro. Para tomalo en serio hai que afanarse ao cento por cento, a non ser que teñas unha forza de vontade enorme. Eu saio do traballo de oito horas e métome despois cinco ou seis horas todos os días, incluída a fin de semana. M. P. Non hai outra. D. R. Pero moita xente non está disposta a iso. Tamén o que se deu foron casos de 'autores de moda'. Ao mellor a un rapaz fanlle catro reseñas nun sitio e xa cre que é moi bo e logo estrélase, ou colle medo escénico. O que hai que ser é constante. Unha vez que rematas unha obra, esquécea e comeza coa seguinte e dedícate todo o día a iso.

P. ¿Pensades que o cómic púxose de moda entre a masa lectora? ¿Consómense máis tebeos que hai uns anos? M.?P. Non. Iso é curiosísimo. As cifras levan manténdose igual moito tempo. Hai movementos de compensación: cando desapareceron as revistas, algo que foi dramático para moita xente, subiron os álbums e os libros. De súpeto nos últimos anos baixou o álbum que se coñece de formato francés e subiu a novela gráfica. Tamén baixaron os consumidores xuvenís, pero subiron os adultos. D. R. O que si que é verdade é que se avanzou en canto a que se conseguen cada vez máis lectores que non eran habituais do cómic. Obras como Arrugas [multipremiada obra de Paco Roca] fixeron máis polo cómic español nos últimos dez anos que as publicacións de editoriais enteiras. Non é unha cuestión xa de moda, é un tema de apertura de miras.