Unha traxectoria acompañada polo ruído

La Voz

CULTURA

A historia di que é difícil saír ben parado da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea. Ou se sae pola porta da polémica ou se sae pola porta de pasar desapercibido. Pero non hai termo medio.

Manuel Olveira (Porto do Son, 1964) chegou hai catro anos ao CGAC procedente de Barcelona e da experiencia de dirección do espazo Hangar. A primeira acusación que recibiu é programar en exceso seguindo a súa etapa catalana en dous sentidos. Unha programación demasiado escorada cara aos límites para un centro como o CGAC e unha programación con demasiados nomes cataláns. Dende aí o centro non abandonou esa parte dos titulares que fan ruído: compras para a colección mal recibidas ou malas relacións co padroado.

A liña do centro estivo nestes anos máis marcada pola exploración que pola documentación. Máis atenta aos soportes menos físicos que a facer balanzo de situación. Neste sentido, a programación de Manuel Olveira alimentou varias argumentacións dos descontentos sobre o exceso de virtualidade na traxectoria da institución.

O vencello co CGAC non foi só nesta última etapa. Olveira fora responsable dos seus servizos pedagóxicos a finais dos noventa e principios desta década. Con todo, o xa ex-director entendeu que un centro de arte contemporáneo debe ser en moitos sentidos un centro de autor, debe responder ao criterio de quen o dirixe. Unha opinión que non é compartida por unha parte do sector artístico e cultural que entende que o CGAC debe atender máis ás necesidade do país que á traxectoria de autor.